Oficina CEER
 24-01-2014
UNIVERSIDADE DA CORUÑA E FUNDACIÓN REPSOL CREAN A AULA REPSOL

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e o vicepresidente da Fundación Repsol, César Gallo, asinaron esta mañá o convenio polo que se crea a Aula Repsol, para promover a colaboración entre ambas as dúas institucións en materia de formación e investigación.

Segundo explicou o reitor, este acordo, formaliza e dá continuidade á unha colaboración que se viña mantendo entre a Refinería da Coruña e a Universidade nestes últimos anos. “A universidade pública ten entre as súas funcións, ademais de xerar coñecemento en igualdade de oportunidades, promover a súa transferencia ao sector empresarial”, manifestou Armesto. Así, coa posta en funcionamento da Aula Repsol ampliaranse os temas de colaboración entre as dúas institucións de formación e investigación, sobre todo, na liña da eficiencia enerxética que é un punto de interese común e no que a Universidade da Coruña vén traballando a través de profesorado da Escola Politécnica Superior.

Pola súa parte, o vicepresidente da Fundación Repsol, asegurou que este proxecto é “unha mostra máis do noso compromiso de colaboración coa Universidade para asegurar o desenvolvemento económico e social a través do investimento en educación e formación”.

“Un dos obxectivos da Fundación Repsol é fomentar a formación científico-técnica da xente nova e impulsar que máis titulados superiores en especialidades como enxeñarías e ciencias poidan seguir formándose en materias como a enerxía”, dixo Gallo, engadindo que “é fundamental contar cunha xeración de estudantes máis competitivos e preparados nunha economía moderna e tecnolóxica”. Ademais do reitor e do vicepresidente da Fundación Repsol, esta mañá asistiron ao acto de firma do convenio o director da Refinería da Coruña, Luis Felipe Llamas, e o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, vicerreitoría á que se adscribe esta nova Aula, que terá carácter virtual, e outros representantes tanto da Refinería como da Universidade.

Fonte: udc.es