O reitor, Xosé Luís Armesto, presidirá o vindeiro luns, 10 de marzo, os actos centrais organizados con motivo do Día Internacional das Mulleres que terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación ás 11:30 horas.
Ese día proxectarase o documental “Las maestras de la República” presentado por Luz Martínez, directora do proxecto e secretaria de Políticas Sociais e Transversais de FETE-UGT.
Os actos de celebración, organizados pola Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña, comezaron xa o pasado día 3 de marzo coa apertura da exposición “Mulleres nas bibliotecas da UDC”, que se amosa en catorce das bibliotecas dos campus da Coruña e Ferrol, así como a mostra “Muller e cómic” da biblioteca da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica.
Ademais, a OIX, dependente da Vicerreitoría de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, colabora cos actos institucionais do Concello de Ferrol que se celebran mañá, sábado 8 de marzo. Así, no Teatro Jofre, ás 20:00 horas, entregarase o VI galardón 8 de marzo á primeira titulada en Enxeñaría Técnica Naval do Campus de Ferrol. A continuación, proxectarase a película “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”.
Fonte: udc.es