Oficina CEER
 12-03-2014
XORNADAS SOBRE XESTIÓN PESQUEIRA NA FACULTADE DE CIENCIAS

O Proxecto GAP2, que mapea hábitats e caladeiros dos ecosistemas pesqueiros, organiza desde hoxe martes, 11 de marzo, ata o xoves 13 unhas xornadas técnicas sobre novas ferramentas de xestión pesqueira, que teñen lugar na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña. Tras a conferencia inaugural do doutor Jeremy Prince, que marcou o inicio das xornadas, mañá comeza na aula de informática da Facultade de Ciencias, ás 10.30 horas, o primeiro dos obradoiros sobre o uso do programa de evaluación pesqueira Length Based SPR (SPR@Size), impartido polo mesmo doutor e Adrian Hordyk. O máis interesante destas ferramantas é que poden ser utilizadas directamente polas confrarías. O encargado de pronunciar a conferencia inaugural, tras a presentación de Ramón Muiño (UDC), Sergio López (Federación Galega de Confrarías) e José Molares (Xunta), foi Jeremy Prince, quen titulou a súa charla The Barefoot Ecologist toolbox, facendo referencia á caixa de ferramentas dos técnicos de pesca locais. O doutor Prince, profesor asociado na Universidade de Murdoch, denominou así a un conxunto de ferramentas de uso doado para xestionar eficazmente a pesca. O éxito é que poden ser utilizadas directamente polos mariñeiros para mellorar a saúde das poboacións explotadas e, polo tanto mellorar a súa calidade de vida. Jeremy Prince ven de traballar dende hai máis de dez anos coa asociación de mergulladores de abalón, unha orella de mar, axudándolles a crear procesos para que eles avalíen os seus propios recursos, datos que utiliza despois a Administración para a xestión das pesquerías. A conferencia foi retransmitida en streaming, con moito seguimento, polo prestixio internacional do profesor, que chegou directamente de Australia para estar presente nestas xornadas. Baseada en tres artigos que serán publicados próximamente no ICES J. Mar. Sci., esta charla do profesor Jeremy Prince fala dunha nova forma de avaliación pesqueira atendendo ao tamaño, que proporciona estimacións "instantáneas" do desove potencial, simplemente a partir de datos da composición da talla dos adultos e dunha estimación do tamaño de madurez local.

Os talleres de mañá mércores 12 e do xoves 13 están estruturados en tres seccións, distribuídas en dous días, comezando cunha presentación introdutoria. As outras dúas sesións do primeiro día serán máis prácticas, para que os asistentes desenvolvan os seus propios modelos SPR nunha folla de cálculo para unha especie. O segundo día, os participantes realizarán unha avaliación dos datos de tamaño coa ferramenta SPR@size.

Máis información
 do Grupo de Investigación en Recursos Marinos
http://recursosmarinos.udc.es/

http://gap2.eu/

Telf.: +34 981 167 000 (2204).

Fonte: udc.es