Oficina CEER
 25-03-2014
A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA ADHÍRESE Á HORA DO PLANETA 2014

O 29 de marzo únese á acción ‘Apaga a luz, ilumina o Planeta’ e este martes 25 organiza unha xornada de sensibilización sobre contaminación lumínica.

A Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Oficina de Desenvolvemento Sostible, adheriuse á Hora do Planeta 2014, unha iniciativa mundial promovida pola organización ecoloxista WWF que, baixo o lema ‘Apaga a luz, ilumina o Planeta’, pretende implicar a máis de mil millóns de persoas e mobilizar a cinco mil cidades para demostrar o apoio global á acción contra o cambio climático. As actividades asociadas á Hora do Planeta pretenden involucrar tanto a organizacións como a persoas individuais. A acción máis simbólica será o pagado de luces o sábado 29 de marzo, de 20:30 a 21:30.

Esta actuación responde ao compromiso da USC coa redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, recollido no seu Plan de Desenvolvemento Sostible. Realizar un consumo enerxético máis racional, un bo mantemento das instalacións enerxéticas e substituír o consumo de enerxía procedente de fontes non renovables por renovables son algunhas das maneiras de contribuír a esta redución de gases de efecto invernadoiro.

Contaminación lumínica
A Oficina de Desenvolvemento Sostible, co gallo desta efeméride, organiza este mesmo martes 25, en colaboración co grupo en transición Calidade do Ceo, unha xornada de sensibilización sobre contaminación lumínica. A actividade dará comezo ás 20.30 horas na Sala Luaces da Residencia Universitaria Monte da Condesa cun relatorio sobre a Hora do planeta, a contaminación lumínica e o aforro enerxético. A continuación realizarase un roteiro por Campus Vidar e visitarase o Observatorio Astronómico Ramón María Aller. Para coordinar a visita ao observatorio astronómico é preciso que cada asistente envíe un correo electrónico ao enderezo calidadedoceo@gmail.com.

Fonte: xornal.usc.es