Oficina CEER
 26-03-2014
AS UNIVERSIDADES FARÁN UN BARÓMETRO DE INSERCIÓN LABORAL DOS ESTUDANTES

As universidades españolas medirán co mesmo barómetro a inserción laboral dos seus titulados facendo unha ferramenta común de medición, segundo se puxo de manifesto esta mañá na reunión de traballo que representantes universitarios teñen na Universidade da Coruña. Os datos de medición da empregabilidade dos universitarios son moi útiles á hora de adecuar a formación universitaria aos requirimentos das empresas, como se vén facendo na UDC desde o ano 2004 en que se puxo en marcha o Observatorio Ocupacional, así como para impartir a formación extraacadémica que se considere necesaria para que os estudantes teñan unha maior acollida no mercado laboral, como cursos de orientación laboral, de elaboración de curriculum vitae, de preparación de entrevistas, entre outros.

O reitor, Xosé Luís Armesto, recibiu esta mañá aos representantes universitarios, xunto coa vicerreitora de Estudantes, Deportes e Cultura, María José Martínez.

O proxecto do barómetro común a todas as universidades españolas está promovido pola Cátedra Unesco de Política Universitaria que preside Francisco Michavila, e a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, CRUE, e co apoio da Fundación laCaixa. En función dunha maior operatividade, as universidades españolas están divididas en dez grupos coordinados por unha delas. A Universidade da Coruña coordina un destes grupos integrado tamén polas universidades de Cantabria, Oviedo, Santiago de Compostela e Vigo. Ademais do obxectivo de creación dun barómetro común sobre a inserción laboral dos graduados universitarios, a pretensión deste proxecto é a cooperación en materia de orientación laboral e en recursos de empregabilidade. Á reunión de hoxe, presidida por Michavila asisten vicerreitores e técnicos das universidades coordinadoras e da Fundación laCaixa.

A Universidade da Coruña conta cun Observatorio Ocupacional, que será o responsable do traballo técnico deste proxecto por parte da entidade académica coruñesa, desde 2004 e elabora de forma periódica informes de inserción laboral dos titulados pola Universidade da Coruña, ademais de informes de competencias profesionais. Segundo o último Informe de inserción laboral publicado no ano 2010, os titulados pola UDC son máis emprendedores que a media universitaria española, e a taxa de actividade supera en 2,5 puntos a media estatal. Polo que respecta ao grao de satisfacción dos titulados pola Universidade da Coruña coa titulación escollida, rebasa así mesmo á media nacional determinada no Informe Reflex.

Fonte: udc.es