Oficina CEER
 26-03-2014
AS MATEMÁTICAS VISTAS POR MULLERES MATEMÁTICAS

Unha exposición reivindica no campus as achegas de xénero a esta ciencia.

A iniciativa lembra a vida e obra de 16 figuras destacas neste eido.

Carolina Herschel, Sophie Germain, Ada Lovelace, Grace Hopper, Julia Robinson... Todas estas mulleres son practicamente descoñecidas para a cidadanía e non entanto son científicas que destacaron polas súas achegas ás matemáticas ao longo da historia. Unha exposición reivindica e visibiliza no campus de Ourense a 16 destas mulleres e os avances no coñecemento que propiciaron co seu esforzo e intelixencia. Os materiais que a forman foron elaborados por docentes e alumnado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo.

A mostra, titulada Matemáticas x Matemáticas, está situada na entrada do Edificio de Ferro desde o 19 de marzo e ata o 11 de abril como parte da programación sobre igualdade organizada pola Vicerreitoría do campus co gallo da conmemoración o día 8 de marzo do Día Internacional da Muller. “Na loita pola igualdade é importante visibilizar e valorizar ás mulleres significadas nos diferentes eidos ao longo da historia e as súas achegas ao avance do coñecemento. Elas sentaron uns alicerces moi importantes para todas nós”, apuntou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, durante a visita á mostra este martes. “A exposición é froito dun proxecto que desenvolvemos ao longo do curso 2007/2008 ante a necesidade de visibilizar o traballo de tantas mulleres que dedicaron a súa vida a esta ciencia tan bonita. Se as matemáticas de por si non son moi coñecidas, moito menos as mulleres que a protagonizaron polo que quixemos con esta mostra contribuír a darlle o lugar que merecen”, explica Carmen Quinteiro, coordinadora do proxecto xunto a Miguel Ángel Mirás.

16 científicas mostra de moitas outras
Segundo indican os promotores do proxecto, a actividade Mxm constou de dúas fases. Na primeira, os alumnos e alumnas participantes, dirixidos e orientados polos titores da actividade, prepararon diverso material divulgativo, entre os que están os carteis desta mostra, relacionado coas mulleres matemáticas elixidas. Na segunda fase, o material elaborado presentouse ao público nun minicongreso no que tamén se programaron conferencias e mesas redondas coa participación de destacadas matemáticas vinculadas á docencia, á xestión ou á literatura, entre outras accións. Os titores participantes, membros dos departamentos de Matemáticas e Estatística e Investigación de Operacións, foron José Nicanor Alonso, David Mirás, Marta Pérez, Estela Sánchez, Esperanza Sanmartín e Amelia Verdejo.

Entre as 16 matemáticas escollidas para esta iniciativa están figuras Mcomo ary Somerville (1780-1872), que predixo a existencia de Urano; Grace Hopper (1906-1992), que creou a linguaxe de programación Cobol; Emma Castelnuovo (1913), que fixo importantes contribucións á didáctica da xeometría, e Emmy Noether (1882-1935), que acadou resultados esenciais na teoría da relatividade e no estudo de partículas elementais. De cada unha das homenaxeadas, as fichas-paneis da mostra, que conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, recollen unha biografía persoal, un resumo das súas achegas ao avance científico e algunhas anotacións matemáticas de interese.

O prototipo de matemática e científica do pasado, apuntan os promotores do proxecto, é o dunha muller pertencente á aristocracia ou, en calquera caso, a familias ben acomodadas economicamente. En moitos casos contaron con algún apoio masculino para sacar adiante o seu labor, ás veces foi un matemático de recoñecido prestixio quen as apoiou, outras os seu propios esposos ou pais, pero normalmente foron autodidactas que deberon superar as trabas que a sociedade do momento impuxo para a súa formación. Afortunadamente, sinalan os coordinadores do proxecto, o número de mulleres que dedicaron e dedican a súa vida ao estudo das matemáticas foi aumentando a medida que avanzaba o século XX e ata a actualidade.

Fonte: duvi.uvigo.es