Oficina CEER
 27-03-2014
A CIENCIA, A MAIOR OBRA COLABORATIVA DA HISTORIA DA HUMANIDADE

O técnico da OSL da Universidade de Granada participou na celebración do Día da Liberdade dos Documentos.

Pablo Hinojosa explicou as vantaxes de liberar os documentos académicos e de investigación.

Fronte ás restricións, os dereitos privativos, os documentos en pechado e as licenzas, a ciencia e a investigación ábrense camiño na cultura libre que permite a colaboración entre autores, a citación das obras e a mellora e ampliación dos traballos. É aínda unha corrente incipiente que se atopa con múltiples atrancos por parte das publicacións científicas e das institucións, pero que vai callando entre investigadores que comprenden o seu traballo como algo aberto que debe estar a disposición da sociedade. Sobre este novo escenario afondou o técnico da Oficina de Software Libre da Universidade de Granada, A. Pablo Hinojosa, nun acto celebrado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación co gallo do Día da Liberdade de Documentos e organizado pola Oficina de Software Libre da Universidade. Hinojosa explicou que “a ciencia e a maior obra colaborativa da historia da humanidade” e por iso debe ser libre para que "se poida expandir, para fomentar a transparencia e facilitar a crítica e a mellora constante e porque debe haber un retorno á sociedade por parte de todos os que nos dedicamos á docencia e á investigación, para devolverlle todo o que nos deu”.

Liberar aínda que sexa por egoísmo
Hinojosa fixo un percorrido polos motivos que poden mover a unha persoa a liberar as súas obras fronte a unha lexislación “pensada para protexer a obra e limitar o seu uso, oque supón un problema nun mundo no que se sera tal cantidade de información cada día”. Explicou que fronte a leis cada vez máis restritivas non existe un sistema áxil para os que deciden compartir, para os que entenden que compartir e colaborar é bo para os demais pero tamén para un mesmo. Isto é no que se basa cultura libre, que nace na década de 1990 e ten moita pegada sobre todo no eido da informática. Moi diferente é a situación da ciencia, na que aínda priman os dereitos de autor e as licencias, que segundo o experto, limitan a difusión, o coñecemento e a mellora dos traballos. Animou aos investigadores e investigadoras a pensar "dun xeito egoísta", porque existen estudos que demostran que os documentos abertos son máis citados que os pechados. “Ao fin e ao cabo os científicos dependen das citas e mentres un artigo pechado é citado 5,76 veces, un aberto éo 9,04” explicou. En moitos casos, e segundo a disciplina científica, o incremento na citación varía entre unha porcentaxe do 35% e case un 500%, segundo os datos dun meta-estudo que recolle informes sobre os artigos máis citados no mundo.

Liberar a tese
O responsable da Oficina de Software Libre da Universidade de Granada explicou aos presentes que os documentos e obras non só se poden liberar unha vez rematadas, senón que tamén se pode facer durante o proceso de creación, “este é o nivel máis alto de ciencia aberta”. Un exemplo disto son as teses de doutoramento, das que se pode publicar o seu desenvolvemento e abrir o proceso a suxestións, modificacións, etc. Para Hinojosa isto é un exercicio de transparencia, xa que os estudantes de doutoramento non son illas e sempre reciben achegas de moitos lugares pero, con este proceso aberto, sábese de quen e de onde.

Os problemas xorden cando os investigadores publican os seus traballos en revistas científicas de impacto que esixen que non teñan sido publicados anteriormente ou que restrinxen a súa publicación noutros medios posteriormente. Esas son as trabas para a cultura libre, xa que as publicacións de máis prestixio adoitan ser as máis pechadas e restritivas cuns contidos como a ciencia e a cultura, que por natureza, “deben ser públicos”. O experto sinala que, aínda que moi pouco a pouco, as revistas comezan a entender este posicionamento e a optar por formatos abertos que contribúan á difusión e divulgación.

Paralelamente, durante a mañá na entrada da EE de Telecomunicación tivo lugar un obradoiro de instalación de LibreOffice a cargo da Oficina de Software Libre da Universidade e dos voluntarios do Gruvi.

Fonte: duvi.uvigo.es