Oficina CEER
 25-01-2008
Créase na Universidade de Santiago a Cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social

Fomentar a docencia, a investigación e a difusión do coñecemento no ámbito do emprendemento social é a principal finalidade da Cátedra Jaime Vera que este venres 25 se constituirá na USC nun acto a celebrar na Casa de Europa (Parque Vista Alegre). O convenio que regula a creación da Cátedra asinarase nese espazo compostelán o venres ás 10:00 horas coa presenza do reitor Senén Barro e o director da Fundación Jaime Vera, Francesc Romeu í Martí. Ao acto asisten ademais o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, e a profesora da USC e directora da Cátedra, Elena Vázquez Cendón, quen explicará as características e accións concretas.

As actividades da Cátedra dirixiranse a facilitar o intercambio de experiencias investigadoras entre a Fundación e a Universidade compostelá; colaborar en actividades docentes e alentar a realización de investigacións relacionadas co emprendemento social; e fomentar a cooperación entre a USC, a Comunidade Autónoma Galega, as distintas Administracións Publicas de España, a Unión Europea e o ámbito empresarial.

Xornadas responsabilidade social
Logo da sinatura do convenio os participantes trasladaranse ao Centro de Estudos Avanzados, emprazado no mesmo Parque de Vista Alegre, para inaugurar as xornadas, A responsabilidade social das empresas. Unha aposta polo progreso da Unión Europea, que organiza o Grupo Socialista no Parlamento Europeo. Co encontro preténdese apoiar as iniciativas da Unión Europea e proporcionar aos universitarios a sensibilización á RSE e o intercambio de boas prácticas.

No acto de apertura das xornadas, que terá lugar ás 10:30 horas, participarán o reitor Senén Barro; o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández; o director da Fundación Jaime Vera, Francesc Romeu í Martí; e o deputado ao Parlamento Europeo e secretario xeral adxunto da Delegación Socialista Española, Antolín Sánchez Presedo.

A continuación terá lugar a primeira mesa redonda sobre a responsabilidade social das empresas que moderará o deputado Alejandro Cercas Alonso e na que participarán a secretaria xeral da Fundación Internacional para Iberoamérica da Administración e Políticas Públicas (FIIAPP), Marisa Álvarez, e a responsable do Programa de Sector privado na área de Campañas e Estudos de Intermón Oxfan, Isabel Tamarit.

O seguinte debate, sobre o papel das Universidades e a Responsabilidade Social Corporativa, estará moderado pola deputada Francisca Pleguezuelos e contará coas intervencións da vicerreitora de Calidade e Planificación da USC, María Dolores Álvarez, e a coordinadora do Plano de Desenvolvemento Sostible da USC e membro do comité executivo do grupo de traballo da CRUE de Calidade Ambiental e Desenvolvemento Sostible, Dora Blanco.

Antolín Sánchez Presedo será o encargado, ás 13:30 horas, de expoñer as conclusións. Tras a súa intervención desenvolverase o acto de clausura no que intervirán o conselleiro de Traballo da Xunta de Galicia, Ricardo Varela; a deputada do Parlamento Europeo e vicepresidenta da Comisión de Pesca, Rosa Miguélez Ramos; e a directora da Cátedra Jaime Vera en Emprendemento Social da USC, Elena Vázquez Cendón.