Oficina CEER
 16-05-2014
DOUS NOVOS RÁNKINGS SITÚAN A USC EN POSICIÓNS DESTACADAS NO USO E FOMENTO DO SOFTWARE LIBRE E EN RESULTADOS DE INVESTIGACIÓN, DOCENCIA E DESENVOLVEMENTO TECNOLÓXICO

Santiago figura entre as universidades españolas máis comprometidas co uso e a difusión de software libre, concretamente a sexta de toda España, por detrás de Granada, La Laguna, Las Palmas de Gran Canaria, A Coruña e Sevilla. O Ránking Universitario do Software Libre (RuSL) está realizado en base á experiencia de profesionais en software libre e na elaboración e estudo de ránkings universitarios e outros de alcance internacional.

RuSL mide unha serie de criterios cualitativos e cuantitativos sobre a difusión do software libre en cada universidade que se sintetizan nun único valor denominado IDSL (Índice de Difusión do Software Libre) que facilita a comparación entre universidades. IDSL é unha métrica estandarizada e única que valora a difusión deste tipo de software nunha organización.

A organización e coordinación da investigación recaeu no Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e o Centro de Apoio Tecnolóxico a Emprendedores da comunidade de Castela-A Mancha. A presenza das tres universidades galegas nos dez primeiros postos, sitúa a Galicia como segunda comunidade autónoma do ránking.

ISSUE
Por outra banda, o documento Rankings ISSUE (Indicadores Sintéticos do Sistema Universitario Español) 2014 presenta a segunda edición dos resultados das universidades en función das súas actividades docentes, de investigación e de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, ofrecendo unha ordenación das institucións para cada ámbito e para o conxunto das actividades universitarias. Ordena ás universidades tanto polo seu volume de resultados (ISSUE-V) como pola súa produtividade (ISSUE-P), valorando o efecto do tamaño dos campus. Este ránking é unha iniciativa da Fundación BBVA e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (Ivie).

No primeiro dos indicadores, ISSUE-V, a USC figura no oitavo posto empatada coa Universidade de Zaragoza. A clasificación resulta de tratar o volume total de resultados, no que o tamaño da institución xoga un papel xunto coa produtividade de cada universidade. A posición da USC ascende ata o sexto posto (empatada coas universidades Complutense, Alcalá de Henares, Córdoba, Zaragoza, Pública de Navarra e Lleida) ao atender á produtividade universitaria e relativizando os indicadores para facer ás universidades comparables entre si, independentemente do seu tamaño (ISSUE-P).

Polo que respecto aos resultados da avaliación da actividade docente Santiago figura quinta xunto a outras doce universidades, e sexta pola actividade investigadora empatada con outras quince. Na análise da Innovación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, no que se ten en conta a transferencia de coñecemento ao sistema produtivo, a institución compostelá está situada no sétimo posto.

Entre as novedades deste edición do ránking, atópase a publicación dos índices obtidos por cada universidade, ademais de que se incorporaron melloras na información en que se basea a elaboración dos indicadores de resultados e os correspondentes rankings ao incluírse novas variables e novas fontes de información para contar con datos máis actualizados ou con maior desagregación.

Fonte: xornal.usc.es