Oficina CEER
 23-05-2014
INVESTIGADORES DA USC PREMIADOS POR UN ESTUDO NO QUE ANALIZAN AS CONSECUENCIAS DE CLORAR AUGA QUE CONTEÑA RESIDUOS DE CANNABIS

A Investigadora Iria González recibiu o premio da Sociedade de Toxicoloxía e Química Ambiental.

Un artigo de investigadores da USC que alerta sobre os efectos da cloración de auga que conteña residuos de cannabis foi escollido como a mellor publicación europea no ano 2013 no ámbito da análise química e monitoraxe ambiental pola Sociedade de Toxicoloxía e Química Ambiental (SETAC).

No estudo analízase a transformación do principal metabolito do cannabis (o carboxi-THC) durante a cloración das augas, método habitual para converter a auga en potable. Un metabolito é a substancia xerada polo organismo humano ao procesar drogas, atopándose en diferentes cantidades nas augas, tanto superficiais como residuais, como consecuencia do consumo de estupefacientes. O metabolito do cannabis aparece en augas superficiais, que se empregan para facer auga potable, e no traballo obsérvase a rápida reacción deste composto con doses baixas de cloro para dar lugar a ata sete produtos de transformación diferentes. Ademais, o estudo conclúe mediante a utilización dun software específico que estes produtos derivados poderían ser incluso máis perigosos que o THC xa que aumentan a toxicidade da auga.

Os investigadores alertan de que os índices atopados en Galicia non supoñen perigo para a saúde pero a toxicidade da auga pode aumentar en lugares de elevado consumo de cannabis ou dependendo do proceso de potabilización da auga. Os autores do traballo consideran que a pesar de non ter consecuencias para a saúde humana si poden causar danos no medioambiente xa que afectan aos microorganismos que habitan nos ríos se estas augas rematan no seu cauce.

O traballo premiado foi realizado polos doutores Iria González como primeira autora, Isaac Rodríguez, José Benito Quintana e Rafael Cela, do Grupo de investigación de Cromatografía e Quimiometría do Departamento de Química Analítica, do Instituto de Investigación e Análise Alimentaria. Iria González, con menos de dous anos de experiencia posdoutoral recolleu o premio en Basilea, dentro da reunión anual da SETAC europea. A investigadora formou parte do estudo durante a súa etapa como investigadora FPU no grupo e actualmente traballa cun contrato postdoutoral no Instituto Mario Negri de investigación famacolóxica ne Milán.

Os autores deste traballo xa foran premiados en 2012 pola Real Academia Galega de ciencias pola avaliación do consumo de drogas a través da análise das augas residuais.

Fonte: xornal.usc.es