Oficina CEER
 02-06-2014
A EPIXENÉTICA REVOLUCIONARÁ A DIAGNOSE PRECOZ E O TRATAMENTO DAS ENFERMIDADES DO SISTEMA NERVIOSO

O proxecto Biocaps organizou en Vigo un seminario sobre esta disciplina.

O simposio reuniu a científicos e médicos galegos con expertos internacionais.

Tras revelar o seu importante papel en relación a doenzas como o cancro e procesos como o desenvolvemento embrionario, a epixenética está chamada a despregar todo o seu potencial na diagnose precoz e no tratamento das enfermidades mentais e do sistema nervioso. Nesta idea coincidiron os expertos internacionais reunidos este venres en Vigo para compartir os seus últimos avances neste campo con científicos e médicos galegos durante o último seminario científico organizado polo Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (IBIV) no marco do proxecto Biocaps. A epixenética, que estuda o efecto dos factores ambientais na expresión dos xenes, converteuse nun campo de coñecemento de primeiro nivel para a ciencia biomédica. Isto débese a que os desaxustes nos fenómenos epixenéticos parecen estar na orixe de moitas doenzas, como o Alzhéimer, o cancro e a esclerose múltiple.

Segundo expuxo Ángel L. Barco, do Instituto de Neurociencias de Alacante, a plasticidade e a capacidade de adaptación do sistema nervioso depende de varios mecanismos e os científicos teñen evidencias de que entre eles se atopan os de tipo epixenético. “O interese por estes mecanismos nas neurociencias é relativamente recente, pero proporcionan unha prometedora nova área de investigación en referencia ás enfermidades do sistema nervioso de orixe descoñecida, é dicir, case todas”, explicou, engadindo que todas as enfermidades mentais máis estendidas e que representan unha maior carga social, como o Alzhéimer, a depresión, a esquizofrenia, a tensión ou a adicción, teñen un compoñente ambiental importante que se suma ao xenético.

Na mesma liña, Lourdes Fañanás, da Universidade de Barcelona, indicou que factores ambientais como os malos tratos infantís continuados ou a exposición a drogas na puberdade e a adolescencia poden ser determinantes no desenvolvemento dunha enfermidade mental cando existe predisposición xenética. No caso da esquizofrenia, o seu ámbito específico de traballo, Fañanás explicou que, aínda que o factor de risco máis importante é o xenético, “sabemos que os factores ambientais temperáns capaces de afectar o neurodesenvolvemento, ou máis tardíos e asociados a un grande estrés social, xogan un papel moi importante na manifestación definitiva e grave da disfunción psicótica”.

Aínda que confía na capacidade da epixenética para dar lugar a un salto importante nos tratamentos, a investigadora da Universidade de Barcelona advertiu de que isto se producirá a longo prazo e insistiu na importancia da prevención e a detección precoz no ámbito da saúde mental. Tamén no campo das neurociencias, o investigador do Centro Alemán de Enfermidades Neurodexenerativas Stefan Bonn afirmou que a epixenética é un factor chave na formación da memoria a longo prazo e que os seus mecanismos están directamente conectados tanto coa aprendizaxe saudable como con moitas enfermidades neurodexenerativas, por exemplo o Alzhéimer. “Evidencias recentes apuntan a que identificar estes mecanismos pode abrir o camiño á curación destas doenzas. Canta máis información teñamos sobre como e por que se orixina a enfermidade mellor poderemos atopar solucións terapéuticas. A longo prazo isto permitiranos deseñar tratamentos máis específicos con menos efectos colaterais para o paciente”, afirmou.

Tratamentos individualizados
María Berdasco, do Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge, e David Otaegui, do Instituto Biodonostia, centráronse nos mecanismos epixenéticos relacionados co cancro e a esclerose múltiple, respectivamente. Otaegui mostrouse convencido de que a epixenética vai ser chave no coñecemento sobre esta doenza neurodexenerativa, que afecta a 40.000 persoas en España.

“É probable que en poucos anos podamos predicir a resposta ao tratamento, permitíndonos elixir o mellor para cada paciente ou regular a dose de maneira individualizada, grazas ao estudo do ADN e a como se regula a súa expresión mediante estudos de epixenética”, afirmou o científico do Instituto Biodonostia. Ademais, explicou que o seu grupo está a desenvolver un estudo clínico sobre o efecto da Vitamina D como co-tratamento da esclerose múltiple, unha estratexia que se usa partindo da evidencia de que os pacientes afectados por esta doenza presentan carencias nesta vitamina en relación á poboación sa. Por parte do IBIV, Roberto Agís-Balboa, incorporado recentemente ao instituto grazas ao proxecto Biocaps, explicou o papel do epixenoma como ligazón entre os trastornos psiquiátricos e o Alzhéimer. Ángel Rodríguez de Lera, coordinador da área de Novas ferramentas en diagnose e terapia de Biocaps, abordou o desenvolvemento e síntese de moduladores epixenéticos baseados en produtos naturais e fármacos anticanceríxenos.

Experiencia en transferencia e innovación O seminario rematou coa intervención de Mabel Loza, investigadora da Universidade de Santiago referente no campo da farmacoxenómica. A científica galega explicou a súa experiencia como promotora da plataforma Innopharma, que une os esforzos dos grupos de investigación de Medicina Xenómica e BioFarma da USC para fixar dianas terapéuticas e deseñar as moléculas máis idóneas co fin de obter o mellor fármaco para o paciente, tanto a nivel de eficacia como de prevención de reaccións adversas.

A plataforma conta coa participación da industria farmacéutica e, neste sentido, Loza explicou que tanto as empresas como a contorna pública son conscientes de que para aumentar a produtividade en I+D e ter mellores fármacos necesítase mellorar a capacidade de aproveitar o coñecemento que reside tanto dentro como fóra dos seus límites organizativos. Segundo a investigadora, actualmente este é o paradigma da innovación aberta farmacéutica.

Innopharma lanzou hai uns meses unha convocatoria de proxectos que recibiu máis dun cento de expresións de interese e da que foron seleccionadas para o seu desenvolvemento unha decena de propostas en diferentes áreas terapéuticas: neuroloxía e psiquiatría, metabolismo, cancro, inflamación e enfermidades raras. Destes proxectos, algúns están aínda nun estado inicial de desenvolvemento pero contan cunha gran calidade científica, outros contan xa con algunha molécula concreta con posibilidades de ser candidata a fármaco e outros atópanse en avanzado estado de desenvolvemento, próximos a obter un candidato a fármaco que poida funcionar en fases clínicas. Tal e como expuxo Loza na súa intervención, os que mellor se adaptan ás capacidades da plataforma son os de desenvolvemento intermedio polo valor engadido que achegan.

Fonte: duvi.uvigo.es