Oficina CEER
 09-06-2014
A COMUNICACIÓN E O MARKETING PARA A PROMOCIÓN DE HÁBITOS E ESTILOS DE VIDA SAÚDABLES, A ANÁLISE NAS “I XORNADAS DE DEPORTE UNIVERSITARIO GALAICO-DURIENSE”

Os Servizos de Deporte das Universidades de A Coruña, Minho, Porto, Santiago de Compostela Trás-os-Montes e Alto Douro e Vigo unen os seus recursos e esforzos a través do Grupo Galaico-Duriense de Universidades para a organización conxunta de proxectos e eventos deportivos interuniversitarios. Un Grupo cunha contrastadas traxectoria de cooperación na organización de actividades de formación, investigación e celebración conxunta de actividades deportivas. Un evento de divulgación e encontro que se celebrará os vindeiros días 11 e 12 de xuño, no Salón de Graos de Edificio Xurídico-Empresaríal do Campus Sur Ourense – Universidade de Vigo.

Nesta ocasión, o Grupo Galaico-Duriense de Universidades, xunto coa Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), organizan as I Xornadas de Deporte Universitario Galaico-Duriense: “Estratexias para as relacións comunicativas en Servizos Deportivos”. Un evento de encontro dos responsables de deporte universitarios da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que pretende dar continuidade e promover unha dinámica de traballo máis cercana entre as seis institucións no eido da actividade físico-deportiva orientada ao benestar e á mellora da calidade de vida.

Ao longo de dous días de encontro institucional no eido do Deporte Universitario, esta xuntanza propiciará o intercambio de coñecementos e a elaboración de estratexias conxuntas que serán aplicables a unha comunidade universitaria que se achega aos 145.000 usuarios.

O tema central das Xornadas estará orientado a presentar fórmulas de comunicación efectivas que achegue ao colectivo de xoves universitarios a estilos de vida máis activos e saudables. Intercambiaranse ideas e estratexias útiles que van dende o aproveitamento do potencial das redes socias ata o reforzamento da da imaxe da marca e a sensibilización sobre a importancia da práctica deportiva regular.

Neste sentido, no marco das Xornadas, preténdese a posta en marcha de accións conxuntas relacionadas coa promoción de hábitos e estilos de vida máis activos entre os membros da comunidade universitaria, que mesmo sirvan como referente para a contorna das propias institucións.

Antecedentes:

O traballo colaborativo entre o Grupo Galaico-Duriense de Universidades, e a Fundación CEER goza dunha longa traxectoria, centrada na organización de actividades de coñecemento mutuo, intercambio, formación, investigación e celebración conxunta de eventos, no ámbito do Deporte universitario.

Unha mostra deste traballo conxunto é a organización anual dos Xogos Galaico Duriense, que no presente ano 2014 cumprirá a súa XXVIII edición (anexo I). Este evento interuniversitario, transfronteirizo, reúne durante dous días a preto de douscentos estudantes universitarios de Galicia e o Norte de Portugal, que compiten en modalidades mixtas de deportes de equipo e serven, ao mesmo tempo, como punto de encontro profesional para responsables e técnicos deportivos.

Ademais da organización anual dos Xogos Galaico-Duriense, o Grupo Galaico-Duriense de Universidades xunto coa Fundación CEER celebraron en anos sucesivos, 2010 e 2012, o I e II Trofeo Interuniversitario Eurorrexional. Este innovador evento deportivo celebrouse en ambas ocasións, en augas do río Minho, á altura do Concello de Tui, nun espazo simbólico de encontro entre as seis universidades da Eurorrexión, axeitado para o fomento de valores como o esforzo o sacrificio e a recompensa deportiva, nun territorio que comparte a máis de 130.000 estudantes e 12.000 profesores e investigadores.

Comité Organizador, estrutura e funcións:

A organización da I Xornadas de Deporte Universitario Galaico-Duriense: “Estratexias para as relacións comunicativas en Servizos Deportivos” será dirixida polo Servizo de Deporte da Universidade de Vigo, xunto coa Fundación CEER. Esta organización será apoiada polos Servizos de Deporte das Universidades de A Coruña, Trás-os-Montes e Alto Douro, Vigo, Porto, Minho e Santiago de Compostela.

Lugar e datas de celebración:

Campus de Ourense, 11 e 12 de xuño de 2014.

Salón de Graos de Edificio Xurídico-Empresaríal do Campus Sur Ourense – Universidade de Vigo.

Archivos asociados a esta noticia:
application/pdf: Programa