Oficina CEER
 17-06-2014
MÁIS DE 400 ALUMNOS NOS CURSOS DE VERÁN DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

Co seminario titulado Short Curse: Geometric Methods and applied computational electromagnetics, que se impartiu no Muncyt (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía), comezou unha nova edición dos cursos de verán da Universidade da Coruña. A oferta formativa de verán inclúe un total de 24 cursos que abranguen todo tipo de disciplinas, desde a enxeñaría ata a filosofía, pasando polas ciencias forenses ou o turismo, cunha duración que varía desde os dous días ata unha semana. Os escenarios tamén son diversos, de xeito que este verán a UDC estará na Coruña, Ferrol, Sada, Betanzos, Ribadeo, Burela, Carballo, Oleiros e Rianxo.

Entre os cursos, hai algúns que levan xa varias edicións, debido ao seu éxito de participación. É o caso do VIII Curso Temático de Verán sobre Educación Infantil da Mariña, que se vai impartir en Ribadeo e este ano está dedicado a Educación e Animación da Infancia en Contextos e Tempos Diversos. O mesmo sucede co IV Curso de Verán A Evolución do Turismo no Marco da Sociedade Global: Retos para a súa Planificación e Xestión, que terá lugar no Fórum Carballo, e o X Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística. Traballando en lingua, para a Transmisión Interxeracional do Galego, no mesmo escenario.

Despois do Short Curse: Geometric Methods and applied computational electromagnetics, que inaugurou o programa no Muncyt, haberá seis cursos que onte. O primeiro destes seminarios, de 20 horas de duración, será o de Biomecánica das alteracións de antepé e primeiro radio. Tratamentos ortopodolóxicos, que terá lugar os días 16 e 17 de xuño na Facultade de Enfermaría e Podoloxía de Esteiro, no campus de Ferrol. Os asistentes terán unha aproximación ás principais técnicas de exploración clínica na detección das alteracións morfoestruturais e patoloxías do antepé e primeiro radio, ademais de aprender a toma de moldes e elaboración dos tratamentos ortopodolóxicos nas alteracións morfoestruturais e patoloxías. O seguinte curso, de 30 horas, será o de Estratexias cidadás para os tempos da crise, que se vai impartir do 16 ao 20 de xuño no antigo matadoiro municipal de Betanzos. Os asistentes poderán participar da reflexión sobre as estratexias que debemos seguir para reconducir a forma e a vida urbanas a partir da situación presente, desde o punto de vista da xestión ambiental e social da arquitectura e da paisaxe urbana.

Tamén comezou onte e seguirá ata o día 18 o curso de Ciencias forenses na investigación policial, na Facultade de Ciencias. O curso ten un carácter multidisciplinar, presentando unha variedade de campos de interese na investigación forense: xenética e análises xenéticas, botánica, lofoscopia e dactiloscopia, balística, inspección ocular, informática, química, valoración das probas periciais e forenses. Do 16 ao 18 de xuño impartirase A educación no sector turismo. O novo contexto económico-social, na aula de formación da OMIX de Sada. O curso pretende achegar unha profunda visión do ámbito e do sector en que desenvolven as súas actividades as empresas turísticas, cunha análise da situación actual e perspectivas futuras deste, así como definir as forzas que están a impulsar o novo modelo de actividade turística.

O último dos cursos que comezará o próximo luns 16 de xuño é Edición de proxectos de fin de grado con Latex, que se impartirá ata o 20 de xuño na Escola Universitaria Politécnica de Ferrol. O curso está enfocado para alumnos que estean a realizar o proxecto de fin de grao, que implica a elaboración dun documento científico, un labor complicado co uso dos programas de edición de textos habituais. O emprego dos editores de texto baseados en LaTeX permiten a automatización destas tarefas, coa conseguinte garantía de éxito. Xa no mes de xullo celebraranse outros seminarios que abranguen temáticas como educación ambiental, ciencia e sociedade, dinamización lingüística, seguridade alimentaria ou ordenación do territorio. En agosto celebrarase un curso sobre a Unión Europea e xa en setembro terán lugar catro seminarios, sobre aspectos vinculados informática, dereito, arquitectura e relacións laborais.

LISTAXE DE CURSOS DE VERÁN 2014

XUÑO

1.- Short course. Geometric methods and applied computational electromagnetics (9, 10, 11, 12 e 13 de xuño) 2.- Biomecánica das alteracións de antepé e primeiro radio. Tratamentos ortopodolóxicos (16 e 17 de xuño) 3.- Estratexias cidadáns para os tempos da crise 3. Betanzos (16, 17, 18, 19 e 20 de xuño) 4.- Auga para consumo humano. Xestión de recursos naturais en medio rural e en encoros (16, 17, 18 e 19 de xuño) 5.- Ciencias forensas na investigación policial (16, 17 e 18 de xuño) 6.- A educación no sector turismo. O novo contexto económico-social (16, 17 e 18 de xuño) 7.-Edición de proxectos de fin de grado con Latex (16, 17, 18, 19 e 20 de xuño) 8.- VIII curso temático de verán sobre educación infantil da Mariña. Educación e animación da infancia en contextos e tempos diversos (21 e 22 de xuño) 9.- Filosofía para nenos e nenas. Aprendendo a pensar (26, 27 e 28 de xuño) 10.- Deseño Mecánico 3D con Solid Edge ST5. Nivel básico (23, 24, 25, 26 e 27 de xuño) 11.- Deseño Mecánico 3D con Solid Edge ST5. Nivel avanzado (30 de xuño, 1, 2, 3 e 4 de xullo)

XULLO

12.- Deseño Mecánico 3D con Solid Edge ST5. Ferramentas específicas CAD/CAE (7, 8, 9, 10 e 11 de xullo) 13.- Iniciativas de conservación ambiental e participación social (1, 2, 3 e 4 de xullo) 14.- A divulgación como ponte entre ciencia e sociedade (2 e 3 de xullo) 15.- IV curso de verán "A evolución do turismo no marco da sociedade global. Retos para a súa planificación e xestión (2, 3 e 4 de xullo) 16.- 5 actitudes para o éxito (8, 9, 10 e 11 de xullo) 17.- X curso de verán sobre dinamización lingüística. Traballando en lingua, para a transmisión interxeracional do galego (9, 10 e 11 de xullo) 18.- Novas tendencias en seguridade alimentaria (14, 15 e 16 de xullo) 19.- A construción do territorio. Estratexias de rehabilitación (Rianxo) (14, 15, 16,17 e 18 de xullo)

AGOSTO

20.- The future of the European Union 3: in search of peace and prosperity (18, 19, 20, 21 e 22 de agosto)

SETEMBRO

21.- Modelado 3D con NX 9.0 (1, 2, 3, 4 e 5 de setembro) 22.- Relacións entre o Tribunal Constitucional, Tribunal de Contas e Tribunal Supremo (8, 9, 10 e 11 de setembro) 23.- Procesos habitados. As arquitecturas nas que viven o outro 90 % (8, 9, 10, 11 e 12 de setembro) 24.- "Oriéntate e planifica o teu futuro". Orientación laboral, emprendemento e empregabilidade (24, 25 e 26 de setembro)

Fonte: udc.es