Oficina CEER
 19-06-2014
A ELITE DOS EXPERTOS EN EFICIENCIA ENERXÉTICA DÁSE CITA NA TOXA

Representantes de 11 países participarán no 6º Workshop sobre Economía Enerxética e Ambiental.

Presentarase a primeira plataforma europea de investigación sobre economía da eficiencia.

A illa da Toxa acollerá o 25 e 26 de xuño a 6ª edición do Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambiental, organizado polo centro de investigación Economics for Energy e o Centro para a Investigación Económica Europea, ZEW con sede en Alemaña. No que está considerado como o congreso de referencia en Europa sobre economía da enerxía, tomarán parte expertos de 11 países de todo o mundo, que presentarán os resultados máis salientables das súas investigacións, centradas no eido da eficiencia enerxética, que serán publicadas en revistas científicas de prestixio e servirán de base para o deseño das políticas públicas en materia enerxética. E é que a eficiencia enerxética está considerada un dos instrumentos máis importantes e urxentes para reducir a contaminación, mitigar o cambio climático, reducir a dependencia dos combustibles fósiles e acadar aforros moi significativos na factura enerxética de familias e empresas.

Coordinado polo profesor da Universidade de Vigo e director de Economics for Energy, Xavier Labandeira, o congreso será nesta sexta edición o foro elixido para a presentación da primeira plataforma europea de investigación no ámbito da economía da eficiencia enerxética, promovida por Economics for Energy, o ZEW, o Instituto Federal de Tecnoloxía de Zurich e a Fundación Eni Enrico Mattei (FEEM) de Italia.

Os referentes científicos en eficiencia enerxética Chegados de Alemaña, Italia, Francia, Suíza, Reino Unido, Portugal, Australia, Xapón, Estados Unidos, Chile e España, os máis destacados expertos do eido da eficiencia enerxética, realizarán un total de 45 ponencias, entre sesións plenarias e paralelas, ás que se sumara unha mesa redonda sobre as fronteiras da economía da eficiencia enerxética. Entre os expertos que tomarán parte no congreso destacan Richard Schmalensee e Massimo Filippini. Shmalensee, profesor do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, onde dirixiu o Centro de Investigación de Políticas Enerxéticas e Medioamientais, e ex membro do Consello de Asesores Económicos do presidente de EEUU, abordará o futuro da enerxía solar. Pola súa banda Filippini, director do Centro de Política e Economía da Enerxía do Instituto Federal de Tecnoloxía de Zurich, considerado o MIT europeo, centrará a súa intervención na eficiencia enerxética no sector residencial.

Fonte: duvi.uvigo.es