Oficina CEER
 27-06-2014
A UDC SÚMASE Á CAMPAÑA DE GREENPEACE EN DEFENSA DO ÁRTICO

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, asinou esta semana a Declaración Internacional polo Futuro do Ártico promovida por Greenpeace co obxectivo de concienciar aos axentes implicados na necesidade de protexer o Ártico.

Co apoio á Declaración de Defensor do Ártico, o reitor manifesta o seu apoio a un ecosistema moi fráxil ameazado polo cambio climático. O desxeo e o aumento das temperaturas afectan directamente a catro millóns de persoas que viven na rexión ártica, así como a miles de millóns de persoas máis xa que ao derreterse o Ártico, enfróntanse a fenómenos meteorolóxicos devastadores relacionados coas correntes oceánicas máis cálidas. As cidades costeiras xa están a sufrir as consecuencias da subida do nivel do mar. Esta declaración contempla unha serie de medidas como a petición de maiores esforzos para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro ou a creación dunha rede de áreas mariñas protexidas e reservas mariñas no Océano Ártico.

O que Greenpeace está a demandar é que o Ártico sexa declarado Santuario Global, é dicir, un tratado multilateral e legalmente vinculante que priorice a protección do Ártico en augas profundas, unha reserva mariña onde a pesca estea limitada, non se poidan extraer hidrocarburos, non poida haber actividade mineira nin militar e onde a navegación estea restrinxida. En 1991, a Antártida foi declarada Santuario Global grazas a un movemento social liderado tamén por Greenpeace.

Fonte: udc.es