Oficina CEER
 03-07-2014
O POTENCIAL FORESTAL DO NORTE DE PORTUGAL PERMITIRÍA CREAR UNHA REDE DE CENTROS LOXÍSTICOS DE BIOMASA

O investigador Duarte M. Alves céntrase na rexión do Alto Minho e fai estimacións para 2020.

Os concellos da zona teñen unha área forestal de 49.958 ha, principalmente piñeiro e eucalipto.

A estratexia 20-20-20 da Unión Europea aposta polo uso de enerxía a partir de fontes renovables e establece que en 2020 os países deben acadar unha porcentaxe do 20% de enerxía procedente destas fontes. A bioenerxía é a principal fonte renovable, con preto do 68% da produción total de enerxías renovables en Europa, seguida da hídrica e a eólica. Pero a porcentaxe de biomasa no consumo total de enerxía final varía significativamente entre os diversos estados da UE, cunha maior porcentaxe en Suecia (29,2%), Letonia (27,5%) ou Finlandia (27,1%), mentres que Portugal e España presentan un 14,8% e 6,3% respectivamente.

Actualmente existe certa preocupación pola existencia de recursos forestais suficientes para a crecente busca de madeira para o sector da enerxía. Así, para cuantificar a madeira dispoñible é esencial saber canta madeira viva existe e canta se tala anualmente. De aí xorde o estudo que conforma a tese de doutoramento de Duarte Nuno Malheiro Alves sobre a estimación do potencial enerxético e de captación de biomasa forestal da rexión portuguesa de Alto Minho. O investigador explica que esta enerxía acada un balance de CO2 neutro entre o liberado e o absorbido anteriormente pero destaca que os principios da forestación e a agricultura sostible son “a única forma posible para que a biomasa sexa considerada verdadeiramente como unha fonte de enerxía renovable”. Tras analizar os datos e realizar unha estimación da biomasa dispoñible para 2020 no Alto Minho, este escenario permitiría instalar entre 12 e 16 centros loxísticos de biomasa nesta zona.

A masa forestal do norte de Portugal en cifras

Portugal ten preto de 3.460.000 hectáreas de bosques, o 39% do territorio total nacional. Son, sobre todo, piñeiro bravo, eucalipto, sobreira e aciñeira e estas catro especies forestais constitúen preto do 87% do total dos bosques portugueses. Pero a investigación de Duarte Alves céntrase na rexión do Alto Minho, que cunha superficie de 222.000 hectáreas, comprende as cámaras municipais de Arcos de Valdevez, Caminha, Melgaço, Monção, Paredes de Coura, Ponte da Barca, Ponte de Lima, Valença, Viana de Castelo e Vila Nova de Cerveira. A área forestal dispoñible desta rexión, deixando fóra as áreas protexidas, é de preto de 49.958 ha. As cámaras municipais con maior área forestal son Arcos de Valdevez, Monção, Ponte de Lima e Viana do Castelo, que representan o 58% do total de bosques da rexión del Alto Miño. A taxa de ocupación forestal na rexión é do 25%, “un valor reducido, incluso cando se compara coa taxa media portuguesa, do 39%”.

Os resultados amosan que unha reducida parte das parroquias (17%) presentan o 43% da área forestal total; é dicir, que un número reducido de parroquias posúe unha área forestal significativa dentro da súa área xeográfica. Isto representa unha forte asimetría na distribución dos bosques no Alto Minho. Delimítanse tres zonas, sendo a que ten unha maior masa forestal a franxa que se estende ao longo do río Miño, dende Caminha ata Melgaço. Unha zona intermedia é o val do río Limia e a que ten menos área forestal é a do interior, de orografía montañosa, incluíndo Paredes de Coura.

A tese de Alves céntrase principalmente nos bosques de piñeiro bravo e de eucalipto, xa que teñen un maior potencial de biomasa. Excluíndo as especies forestais restantes, “a área forestal representa un total de 37.434 ha, o que supón unha taxa de ocupación forestal do 20%”. O piñeiro bravo ocupa 30.639 ha de área forestal, o 82% do total da área. As cámaras municipais de Monção, Ponte de Lima e Viana do Castelo presentan o 54% da área forestal destas dúas especies.

O escenario máis conservador permitirá instalar 12 centros loxísticos de biomasa
“Con base nas áreas forestais obtidas e aplicando a metodoloxía definida (variables dendrométricas e ecuacións alométricas)", o investigador delimitou tres escenarios posibles de evolución dos bosques nesta rexión de cara ao 2020. Pero centrouse no escenario máis conservador e sen cambios para desenvolver as súas conclusións e recomendacións para o sector da biomasa forestal. Para este escenario no 2020, a dispoñibilidade de biomasa forestal residual utilizable estimouse en 0,292 t/ha/ano. Atendendo a este dato e á existencia de 50 parroquias cunha área forestal superior a 300 ha, “permitirá a instalación de entre 12 e 16 centros loxísticos de biomasa na rexión de Alto Miño, xuntando tres ou catro parroquias por cada CLB”, explica. Os datos amosan tamén que non sería recomendable a instalación de máis dunha central termoeléctrica de biomasa forestal nesta zona. Se se optase por unha solución máis eficiente enerxeticamente como as centrais de coxeneración, “poderíanse instalar dúas en función da existencia de dúas grandes zonas con dispoñibilidade de biomasa forestal residual, o val do Miño e o val do Lima”, explica.

Nas súas conclusión, o investigador propón o estudo e desenvolvemento dunha rede de Centros Loxísticos de Biomasa, para aumentar a rendibilidade da explotación forestal e a promoción do mercado local de biomasa. Suxírese que na fase inicial esta dinamización a desenvolva nas asociacións forestais que existen na rexión. Por outra banda, aposta polo estudo e aproveitamento da biomasa forestal residual en procesos de coxeneración, tendo en conta a distribución local de calor e a produción de electricidade. Nun primeiro momento suxírese a instalación destas centrais en parques industriais.

De cara ao futuro, Duarte deixa aberta a porta a novos estudos, por exemplo, sobre o potencial dos residuos agrícolas e pecuarios e a súa integración no mercado da biomasa, incluíndo os sistemas de biogás. Avoga tamén por promocionar e valorizar o papel da foresta tamén dende o punto de vista ecolóxico, turístico, enerxía, no desenvolvemento da rexión. Propón un estudo da viabilidade económica e do impacto ambiental da substitución de caldeiras de combustible fósil por caldeiras de combustible de madeira en institucións públicas como piscinas, pavillóns ou escolas.

Fonte: duvi.uvigo.es