Oficina CEER
 07-07-2014
A UDC ADICA UN CURSO ÁS MULLERES PIONEIRAS NA ARQUITECTURA ESPAÑOLA

O grupo MAGA (Mujeres Arquitectas de Galicia) da Universidade da Coruña organiza o obradoiro de verán Mulleres pioneiras na arquitectura española 1936-1975, que se vai impartir do 7 ao 11 de xullo na Aula Náutica do Dique de Abrigo. O curso pretende mellorar a visibilidade das arquitectas pioneiras españolas a través do coñecemento do seu traballo profesional, así como a aproximación a través do redebuxo dalgúns dos seus proxectos e a contextualización das mulleres pioneiras na arquitectura española.

María Carreiro será a encargada de abrir o curso, cunha charla o 7 de xullo, ás 10:15 horas, sobre Xénero e Arquitectura, mentres que Raquel Vázquez falará, ás 11:30 horas, sobre A Educación da muller en España 1875-1936. O resto do día estará adicado a obradoiros. Na segunda xornada, Eduardo Caridad dará unha conferencia, ás 10:00 horas, sobre Pioneiras na Arquitectura, e María Esther Díaz analizará, ás 11:30 horas, os Proxectos tipo na Arquitectura escolar española. O 9 de xullo, ás 10:00 horas, intervirá José Ramón Alonso, cunha charla sobre A Arquitectura e o seu contexto, mentres que ás 11:30 horas falará Cándido López sobre Equipamentos Deportivos na Autarquía.

O xoves 10 de xullo, ás 10:00 horas, será a quenda de Silvia Blanco, quen tratará sobre Rexións devastadas: A reconstrución como punto de partida, e Evaristo Zas, que dará a súa opinión, a partir das 11:30 horas, sobre Poboados dirixidos. A última xornada, o venres 11 de xullo, estará reservada para A recuperación da modernidade, tema que tratará, ás 10:00 horas, Antonio Río, e as Pioneiras na Arquitectura española, charla que impartirá, ás 11:30 horas, Paula Fernández-Gago.

Fonte: udc.es