Oficina CEER
 21-07-2014
PARA AQUELES QUE SEMPRE QUIXERON ESTUDAR HISTORIA...

A facultade ourensá ofrecerá o vindeiro curso a opción da semipresencialidade no seu grao.

O alumnado terá que acudir ao centro só para as probas e as titorías personalizadas.

A frase “eu sempre quixen estudar Historia pero non puiden facelo porque...” é moi escoitada polos docentes e investigadores desta área. E é que a inquedanza por coñecer o pasado é algo que moitas persoas teñen aínda que se dediquen a outras profesións ou realicen outras titulacións. Para atender as necesidades deste perfil de xente que lles gustaría estudar esta carreira pero que teñen dificultades para facelo por incompatibilidade coa súa vida profesional ou laboral, a Facultade de Historia porá en marcha o vindeiro curso académico a modalidade semipresencial no seu Grao en Xeografía e Historia.

“No curso 2014/15 implantaremos o novo plan renovado do Grao en Xeografía e Historia. A súa principal novidade é a posibilidade de realizar os estudos na modalidade semipresencial. Con esta iniciativa queremos recoller a demanda dun alumnado potencial que xa ten unha ocupación, que non busca exactamente unha saída laboral coa titulación, e que precisa máis flexibilidade para poder estudar”, apunta Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia do campus de Ourense. Con esta ampliación, o centro quere consolidar uns estudos únicos en Galicia pola súa conxugación das áreas de historia, historia da arte e xeografía.

O plan de estudos será o mesmo para os que estean en modalidade presencial e non presencial e a solicitude de semipresencialidade deberana presentar unha vez realizada a matrícula. “Para poder optar á semipresencialidade deberá xustificarse circunstancias de carácter laboral, familiar, atención a persoas dependentes, actividades deportivas de alto nivel ou necesidades educativas especiais. Unha comisión da facultade avaliará cada caso e daralle o visto bo”, engade Susana Reboreda, vicedecana do centro. As persoa que finalmente consigan a modalidade semipresencial, para a que non hai límite de prazas, só terán que acudir fisicamente ao centro para as probas orais e/ou escritas das materias e para as titorías personalizadas e empregarán a plataforma Moodle para o ensino a distancia. “Farase unha avaliación continua do alumno. Queremos que aínda que estea na modalidade semipresencial teña un contacto directo e permanente co centro e cos docentes, sendo claro flexibles coa dispoñibilidade do estudante”, subliña Reboreda.

Opción semipresencial tamén no posgrao

Ademais do Grao en Xeografía e Historia, o centro ourensán ofertará como semipresencial o Mestrado en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio, que se impartirá en colaboración coa Escola Superior de Enxeñería de Minas do campus de Vigo e coa Escola Superior de Conservación-Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. “Os estudantes de Ourense non terán que desprazarse a Vigo para as materias que se impartan alí, xa que poderán asistir a elas por videoconferencia desde o campus de Ourense”, apunta a vicedecana de Historia. Con 20 prazas dispoñibles, o mestrado destaca polo seu carácter interdisciplinar no que se mesturan humanidades, restauración, tecnoloxía e ciencia co obxectivo de que o alumnado sexa capaz de seleccionar e empregar ferramentas metodolóxicas para a súa aplicación no deseño, execución e control de proxectos de valoración, xestión e/ou difusión do patrimonio cultural.

Para completar a oferta de posgrao do centro, ofrecerase tamén, xa fóra da semipresencialidade, o Mestrado Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, que conta tamén coa participación do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. O seu programa, lembran desde o centro, ten unha dobre orientación: profesionalizante, co obxectivo de formar arqueólogos que poidan desenvolver a súa labor profesional neste campo nos próximos anos, e investigadora.

Fonte: duvi.uvigo.es