Oficina CEER
 02-10-2014
INAUGÚRASE ESTE VENRES O MÁSTER INTERUNIVERSITARIO EN COMPUTACIÓN DE ALTAS PRESTACIÓNS

O profesor da Universidade de Málaga e NVIDIA CUDA Fellow Manuel Ujaldón imparte este venres 3 en A Coruña a conferencia inaugural do Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións (MICAP) no que participa a Universidade de Santiago. A charla poderá seguirse por videoconferencia dende o Salón de Actos do CiTIUS ás 18.00 horas.

Ao longo da conferencia ‘Supercomputación con procesadores gráficos: logros e perspectivas’ resumiranse os principais fitos logrados pola GPU como aceleradores de todo tipo de aplicacións, transformándose en procesadores moito máis polivalentes que a mera visualización gráfica. O éxito dun modelo cimentado sobre a forma máis eficiente de procesar os pixeis da pantalla, e pensado para despregar paralelismo a múltiples niveis, provocou que hoxe en día a maioría de supercomputadores do TOP500 teña miles de GPUs na súa configuración, sendo estas á súa vez responsables dunha porcentaxe crecente do seu rendemento. O relator describirá tamén as alternativas de programación máis actuais e desvelará as claves para o seu desenvolvemento futuro da man dos modelos máis actuais de NVIDIA.

Manuel Ujaldón comezou a súa traxectoria investigadora hai 20 anos, desenvolvendo a súa tese doutoral sobre compiladores de paralelismo de datos para aplicacións irregulares, período no que tamén formou parte dos estándares HPF e MPI. En 1996 e 1997 continuou con este labor dende o seu post-doc na Universidade de Maryland. Entre 1998 e 2003 escribiu unha saga de 7 libros sobre a arquitectura do PC e integrouse no equipo directivo da ETSI Informática da Universidade de Málaga, logrando unha praza de Profesor Titular en 1999.

A finais de 2003 uniuse ao movemento GPGPU utilizando Cg, publicando en 2005 o primeiro libro en castelán sobre programación da GPU para propósito xeral. Dende entón, centrou a súa investigación na aceleración de aplicacións biomédicas e irregulares, áreas nas que publicou máis de 50 artigos científicos nos últimos 5 anos, e máis de 85 no conxunto da súa carreira profesional. En 2008 inicia a súa colaboración con Nvidia como Academic Partnership, logrando en 2011 os CUDA Teaching Center e CUDA Research Center que conserva na actualidade na Universidade de Málaga. En 2012, Nvidia nomeoulle CUDA Fellow, tendo intensificado dende entón o seu labor como instrutor de máis de 40 seminarios e titoriais ligados á programación de CUDA en universidades e congresos ACM/IEEE.

Fonte: xornal.usc.es