Oficina CEER
 16-10-2014
A FUNDACIÓN FCEER CONMEMORA A SINATURA DO TRATADO DE LISBOA CUNHA XORNADA SOBRE FRONTEIRAS

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER) organiza unha xornadas coa colaboración das seis universidades de Galicia e do Norte de Portugal e da Complutense de Madrid que conmemorarán o 150 aniversario da sinatura do tratado de Lisboa, o Tratado de Límites dende a desembocadura do Miño ata a unión do río Caya co Guadiana entre España e Portugal. O encontro, os días 23 e 24 no salón de plenos do Concello de Tui, leva por título ‘ Fronteiras. Cooperación e conflito no contexto internacional’ e está promovido polo Instituto Español de Estudos Estratéxicos.

De inscrición gratuíta e aforo limitado, formula unha reflexión sobre as fronteiras “como espazos de transición, amalgama e encontro”, pero tamén de conflito e rivalidade. Como explican os promotores das xornadas en relación ao Tratado de Lisboa, a demarcación da fronteira hispano-portuguesa non é unha operación técnicas senón que supón unha intervención “política e económica de primeiro orde”. Distinguen a dimensión política, que “ten que ver coa construción dunha identidade nacional” e a económica, “ao formar parte da definición dun mercado nacional que asegure o control do comercio e, polo tanto, a garantía da súa prosperidade”.

Ao longo dos dous días nos que se van desenvolver as xornadas están programadas un total de catro sesións específicas cos lema ‘A artificialidade das fronteiras como causa dos conflitos’, ‘ Os espazos marítimos xurisdicionais. Un reto á seguridade e desenvolvemento do século XXI’, ‘As fronteiras como zona de seguridade, cooperación e desenvolvemento’ e a última sobre ‘A cooperación transfronteiriza e a asociación entre territorios: realidade e retos’. Na xornada final, tamén está prevista a presentación do proxecto de eurocidade Tui-Valença.

Fonte: xornal.usc.es