Oficina CEER
 29-10-2014
TODOS OS SEGREDOS LEGAIS DAS AUGAS DE DOMINIO PUBLICO AO DESCUBERTO

Curso profesionalizante na Facultade de Dereito da UVigo do 24 ao 26 de novembro.

As xornadas reunirán a máis de 40 profesionais de toda España do ámbito público e privado.

Ríos, lagos, lagoas ou embalses son algúns dos bens considerados de dominio público hidráulico, aqueles destinados ao uso de toda a cidadanía ou ao fomento da riqueza nacional. No caso de Galicia, a lexislación destes espazos complícase e acada “o ámbito internacional por todos aqueles acuíferos que temos compartidos con Portugal”. Para tratar todas estas peculiaridades e estudar a situación xurídica deste dominio dentro das leis españolas, a Facultade de Dereito acolle os vindeiros 24, 25 e 26 de novembro o curso O dominio público hidráulico, especialmente pensado para todos os profesionais que traballen neste ámbito tanto no sector público como privado.

Dirixido polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo Roberto Bustillo e coordinado polo ex alumno e membro da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil Iván Quintana, o curso contará con novas e importantes achegas en materia de Dereito Administrativo, Internacional e Financeiro e Tributario, unhas nocións moi atractivas para o sector do dominio público hidrográfico que fixo que se encheran as 40 prazas do curso e que a organización estude abrir o abano de participación. “Temos xente de Castela e León, de Catalunya... de toda España. Superamos con creces o límite marcado”, asegura Bustillo.

A realidade das concesións, in situ
Este curso, organizado por primeira vez no campus de Ourense, é froito da colaboración entre a Facultade de Dereito, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o proxecto de investigación DERTIC, financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad e con Roberto Bustillo como investigador principal. Durante tres días, os participantes “estudarán en xeral aspectos xurídicos da regulación da auga, da súa xestión pública, das concesións, da protección administrativa e penal dos ríos ou dos usos dos acuíferos incluso a nivel internacional, algo que a Galicia lle afecta directamente” ao compartir moitas fronteiras acuíferas co país veciño.

Ademais dos relatorios impartidos por profesionais de ampla experiencia no sector da Administración Pública e especialistas de ámbito universitario, as xornadas completaranse cunha mesa redonda sobre a xestión democrática da auga por parte das comunidades de usuarios. O curso rematará cunha saída de campo ás presas de Velle e Castadón, onde os participantes poderán ver in situ a realidade e a seguridade destas concesións da man de Pedro Moreno e Jorge Gutiérrez, Comisario de Augas e Xefe do Servizo de Hidroeléctricos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, respectivamente.

Fonte: duvi.uvigo.es