Oficina CEER
 10-11-2014
A UDC EXPLICARÁ NUN CONGRESO O PROXECTO DE VIRTUALIZACIÓN DE ESCRITORIOS

Unha das maiores innovacións tecnolóxicas que se están a implantar na Universidade da Coruña é a tecnoloxía de virtualización de escritorios, VDI, que permite substituír o PC de sobremesa por un escritorio virtual almacenado nun servidor central ao que os usuarios da comunidade universitaria (alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos) poden acceder desde calquera dispositivo e desde calquera lugar, o que permite un acceso rápido e flexible aos seus datos e aplicacións.

A Universidade da Coruña, nunha clara aposta por esta tecnoloxía, conta xa cunha infraestrutura de virtualización de escritorios Windows, baseada en tecnoloxía VMware que xa foi presentada en importantes eventos do sector, como o VmForum 2014 que tivo lugar en Madrid o pasado mes de maio.

A partir desta solución tecnolóxica, a UDC dá un paso máis coa aplicación deste proceso aos usuarios de escritorios Linux, na liña de empregar ao máximo as posibilidades do software libre. A Universidade da Coruña dispón actualmente dun proxecto piloto en fase de probas perfectamente implantado na súa infraestrutura corporativa, froito da colaboración dos Servizos Informáticos e Comunicación da UDC, SIC, e a Facultade de Informática, FIC, coa realización do Traballo de Fin de Grao de Xacobe Macía da Silva, dirixido por Antonio Daniel López Rivas, técnico dos SIC, e Francisco Javier Nóvoa de Manuel, profesor da FIC, e que conta coa colaboración da empresa española Qindel Group.

A situación punteira da Universidade da Coruña neste tema espertou o interese da RedIris, que inclúe a todas as universidades españolas, e convidou a UDC a presentar o seu proxecto nunhas xornadas técnicas que terán lugar os días 25, 26 e 27 de novembro no Complexo Cultural San Francisco de Cáceres.

O obxectivo destas xornadas é reunir anualmente aos participantes e a comunidade RedIris para poñer en común os proxectos tecnolóxicos máis destacados e novidosos do ano na comunidade universitaria española, intercambiar información, mellorar o contacto e coñecer a realidade das distintas institucións.

Fonte: udc.es