Oficina CEER
 17-11-2014
TODA A INFORMACIÓN DA EURRORREXIÓN NUN "CLICK"

Asinado o protocolo de colaboración para a creación do Gabinete de información da Eurorrexión.

Salustiano Mato participou no acto no que tomaron parte máis de 40 representantes institucionais.

Aglutinar toda a información dispoñible sobre a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal co obxectivo de incrementar o seu valor e difusión cara a novas iniciativas económicas, de innovación ou turísticas é o obxectivo do Gabinete de información da Eurorrexión, que hoxe quedou formalmente constituída nun acto no que participaron os e as representantes de máis de corenta administracións locais, universidades, centros de ensino superior, asociacións empresariais ou sindicatos. O Gabinete, dotado dunha estrutura que agregará toda información dispoñible sobre a Eurorrexión, está concibido como un centro de recursos que impulsará a promoción da imaxe dos recursos e potencialidades deste área, así como o incremento da cooperación transfronteiriza e a proxección e aumento da súa notoriedade externa. A tal fin, o Gabinete dará acubillo a unha aplicación informática que permita o uso compartido da información, así como un repositorio onde se aloxe toda a información existente sobre a Eurorrexión, contribuíndo así a súa difusión e proxección interna e externa.

“Como un exemplo de dinamismo do que nos podemos sentir orgullosos” cualificou o presidente da Comunidade de Trabalho Galicia-Norte de Portugal, Emidio Gomes, esta iniciativa, que asegurou servirá para reforzar, aínda máis, a colaboración transfronteiriza. Un aspecto que no que tamén incidiu a directora da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, María Geraldes, que asegurou que “a poboación da Eurorrexión será a verdadeira destinataria” desta iniciativa que facilitará o acceso e tamén o intercambio de información. A Agrupación participa nun proxecto europeo que ten o obxectivo de incrementar o desenvolvemento e o atractivo da Eurorrexión, a través do reforzo da cohesión territorial, económica e social, dinamizando un conxunto de axentes e de accións innovadoras dentro dos diferentes ámbitos de cooperación transfronteiriza.

A Eurorrexión do coñecemento e a proximidade
Pola súa banda o director xeral de Relacions Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, referiuse a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como unha verdadeira eurorrexión, que “é un referente na UE e ten que seguir sendoo”. Para Gamallo o Gabinete hoxe constituído vai na dirección de consolidar un agrupamento que debe ser “o do coñecemento e o da proximidade”, que bebe das fontes do H2020 e no que a cidadanía é o centro.

O reitor Salustiano Mato, foi o encargado de asinar o protocolo en representación da Universidade de Vigo, que xunto a outras dez institucións galegas e lusas, conforman a representación académica nesta iniciativa da que tamén participan un total de cinco cámaras municipais lusas e dous concellos galegos, así como asociacións empresariais de ambas rexións de sectores como o téxtil, metalúrxico ou agroalimentario.

Fonte: duvi.uvigo.es