Oficina CEER
 17-11-2014
XORNADA INTERNACIONAL DE ANÁLISE XURÍDICA DO DANO AMBIENTAL EN ESPAÑA E EUROPA, CO ‘PRESTIGE’ COMO CASO DE ESTUDO

Cando se cumpren 12 anos da catástrofe do Prestige, membros da maxistratura, do corpo de letrados da Xunta e a Avogacía do Estado e mesmo do Eco-Management and Audit Scheme europeo analizarán a finais deste mes na USC, xunto con especialistas universitarios, o dano ambiental en España e Europa dende o punto de vista xurídico.

Na xornada internacional ‘A responsabilidade medioambiental en España. A experiencia do Prestige’, organizada polo grupo de investigación da USC Análise Xurídico-económica, trataranse os elementos definidores da responsabilidade á vez que se fará unha análise económica de danos ambientais para aplicala logo á sentenza recentemente recaída na meirande catástrofe ambiental en Galicia.

A xornada, a celebrar o día 28 na sede de Feuga, contará na súa inauguración coa participación do fiscal xeral de Galicia e do director xeral de Xustiza para logo pasar á conferencia do fiscal de Medio Ambiente, Patrimonio e Urbanismo de Galicia sobre a xestión do caso Prestige. Intervirán tamén o maxistrado do Tribunal Supremo Cándido Conde Pumpido e a profesora de Dereito María Belén Trigo García.

Xa pola tarde está prevista que se analice polo miúdo a sentenza do Prestige nunha mesa redonda na que participarán o director do Instituto Universitario de Estudios Marítimos e subdirector do Instituto de Estudios de Galicia da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Fernando González Laxe; o Maxistrado do Contencioso Administrativo nº 2 de Lugo, Luis Villares Naveira; o membro do Corpo de Letrados da Xunta de Galicia, Fernando Juanes Gargía; e a maxistrada de enlace en España, Hélène Davo.

O dano ecolóxico puro e as claves da pericial económica do caso Prestige serán, a cargo de Albert Ruda e María Loureiro, respectivamente, os relatorios cos que remate esta xornada de asistencia gratuíta (previa inscrición no enderezo miguel.vieito@usc.es).

Fonte: xornal.usc.es