Oficina CEER
 19-11-2014
O CLAUSTRO DA USC APROBA AS LIÑAS XERAIS DOS ORZAMENTOS PARA 2015 E A PROGRAMACIÓN PLURIANUAL PARA 2015-2018

A Universidade de Santiago contará en 2015 cun orzamento de ingresos de 167,3 millóns de euros, segundo se acordou este martes no Claustro da Universidade reunido en Psicoloxía. As Liñas Xerais de Orzamento foron aprobadas por 95 votos a favor, 32 en contra e 24 brancos.

Para o equipo de goberno os dous feitos que condicionan este orzamento son a realización de axustes en gastos e o refinanciamento da débeda bancaria para acadar o equilibrio orzamentario esixido pola lexislación vixente e, en segundo lugar, a finalización da vixencia do actual Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego.

Programación para catro anos
Na mesma sesión, por 111 votos a favor, 24 en contra e 29 brancos, o Claustro deu o visto bo á programación plurianual da USC para o período 2015-2018. Estas liñas xerais son, segundo puxo de manifesto o reitor Juan Viaño, un documento “crucial” determinado "neste tempo" por dúas accións especiais como son o Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio e o Plan especial de captación de estudantes para o Campus de Lugo. Trátase, subliñou, dun documento que persegue “aumentar os ingresos, mellorar a calidade, reducir os gastos e permitir que no prazo dunha década a USC continúe a ser unha universidade de referencia para a sociedade”. O documento presentado ao Claustro, que incorporou 62 das 75 emendas presentadas, pretende determinar “o camiño a seguir polo equipo de goberno e o resto de colectivos nos vindeiros catro anos e permitir consolidar a USC nos criterios de calidade docente, produción científica, transferencia de coñecemento e compromiso social que nos son demandados pola sociedade, sempre coa premisa fundamental de sermos unha universidade pública e de calidade”. As liñas xerais estrutúranse en seis puntos, sinalando actuacións específicas relativas a edificios e instalacións de carácter xeral, investimentos en infraestruturas de docencia e de investigación, actuacións sobre os centros ou estudos, plans de investigación, comunidade universitaria e servizos xerais. Na súa presentación, Juan Viaño destacou como retos a unificación da docencia común, actuacións nos centros e estudos orientadas á internacionalizacion e á especialización dos campus, a axilización da burocracia fundamentalmente no tocante a investigación e o apoio ao emprendemento, entre outras cuestións.

Incremento da matrícula
No presente curso, a matrícula de alumnado que inicia a súa formación na Universidade de Santiago incrementouse un 3% con respecto ao ano pasado. En total iniciaron estudos 4.549 estudantes, segundo puxo de manifesto o reitor Juan Viaño na presentación do seu informe ao Claustro. O reitor aludiu ademais a que no Campus de Lugo os títulos con índices máis preocupantes de matrícula aumentaron un 36% de media a cifra de novos alumnos con respecto ao curso pasado, grazas á campaña desenvolvida co apoio da Deputación de Lugo. Por outra banda, na xuntanza informou de que Campus Vida mantén o seu recoñecemento como Campus de Excelencia Internacional.

Plan de Equilibrio
A sesión do Claustro incluía un punto concernente ao Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio (PEFR), presentado á Xunta de Galicia para a súa aprobación o pasado mes de setembro, que presentou de maneira pormenorizada o xerente da USC, José Manuel Villanueva. Das 18 propostas de implementación, actualización e seguimento presentadas polo Claustro a este documento aceptáronse 7, outras 3 decaeron en votación, 2 retiradas, 1 aprobada por maioría e 4 transaccionadas. A emenda de non ratificación deste Plan foi rexeitada en votación.

Reivindicación
Ao inicio desta xuntanza ordinaria, un alumno mexicano da Mesa do Claustro leu un manifesto de repulsa á desaparición en México de preto de medio centenar de universitarios e universitarias. Ademais, os claustrais atopáronse coa protesta de representantes da Trabe polos recortes orzamentarios das partidas destinadas a organismos públicos, que en modo alegórico enfundados en bolsas de lixo escenificaron o rescate dunha autoestrada.

Fonte: xornal.usc.es