Oficina CEER
 20-11-2014
A UDC COLABORA COA UM NUN PROXECTO DE RECUPERACIÓN DE RAIAS E TIBURÓNS

O grupo de investigación Recursos Mariños e Pesquerías da Universidade da Coruña desenvolve en colaboración co grupo de Ecología y Conservación Marina, da Universidad de Murcia, un traballo para estudar e conservar as poboacións de elasmobranquios, raias e tiburóns, na Ría de Cedeira (Galicia) e na Reserva Mariña Cabo de Palos Islas Hormigas (Murcia). O proxecto, xestionado pola Fundación Universidade da Coruña (FUAC) e cofinanciado pola Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente e o Fondo Europeo de Pesca, conta coa colaboración do Aquarium Finisterrae da Coruña e a Confraría de Pescadores de Cedeira, e máis co apoio da Organización de Produtores de Galicia (OPAGA) e a Federación Nacional de Cofradías de Pescadores. Os ciclos vitais destes animais fanos especialmente vulnerables ás perturbacións humanas, especialmente a contaminación e a sobrepesca. O obxectivo do proxecto é tratar de coñecer máis sobre as catro especies costeiras: raia mosaico, pintada, tiburón alitán e tiburón pintarroxa, das cales a raia mosaico é obxecto de preocupación polo estado das súas poboacións e está protexida a nivel europeo. O traballo pretende caracterizar a diversidade, abundancia, uso do hábitat e zonas de crianza das especies de elasmobranquios presentes na Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira e a Reserva Mariña de Cabo de Palos e Islas Hormigas, así como a posta a punto do método de implantación de transmisores de telemetría ultrasónica en raias e tiburóns. Os resultados axudarán a adoptar medidas de protección e de xestión pesqueira para recuperar as poboacións e facilitar a xestión sostible dos recursos.