Oficina CEER
 21-11-2014
XORNALISTAS QUE TRABALLAN CON MEDO, CASE SEN DEREITOS E POR MENOS CARTOS TRAS ESTOURAR A BURBULLA MEDIÁTICA

2º Foro da Comunicación de Galicia, celebrado este xoves en Expourense.

Relatorios e obradoiros para debuxar o panorama actual do sector e facer un achegamento ao tecido empresarial.

“Non podemos pagarte, pero así a xente poderá coñecer o teu traballo. É a túa oportunidade”. Esta frase non pertence a un anuncio, senón que é a realidade coa que se atopan moitos dos estudantes recentemente saídos das aulas das titulacións de Ciencias da Información, Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas, unha nova xeración de profesionais da comunicación que atopan na rúa menor oferta laboral, calidade, salario, oportunidades ou mesmo medios para desenvolver o seu traballo. As consecuencias da crise foron algúns dos aspectos abordados no 2º Foro da Comunicación de Galicia, celebrado este xoves en Expourense coa idea de promover o emprendemento nos sector e sensibilizar ás empresas sobre a necesidade de contar con estratexias de márketing e publicidade axeitadas “feitas por profesionais e remuneradas. Porque prácticas si, pero profesionalización tamén”, como explicou a profesora da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama.

Os datos non deixan lugar a dúbidas: a crise afectou de cheo a un sector no que nos últimos cinco anos o 87% das súas empresas fixeron unha reestruturación de plantilla e no que o 78% dos traballadores cren que os cambios nas súas condicións laborais sufridos a partir de 2008 foron os máis graves de toda a súa traxectoria profesional. Porcentaxes recollidas no informe A situación profesional dos xornalistas españois: a repercusión da crise nos medios que presentou o profesor da Universidade de Santiago Xosé Soengas para quen parte da causa está “na expansión mediática dos anos 90, na que floreceron un sen fin de medios que se viñeron abaixo coa crise económica”.

Empeoran as condicións económicas e laborais
Unha época de bonanza para todos os medios que provocou, por exemplo, unha expansión dos medios escritos cara o audiovisual, obtendo licencias de radio ou televisión “moitas veces sen recursos humanos, só para ocupar espazo”. “Creáronse medios sen rigor dando lugar a un panorama artificial no que primaba ampliar a presenza máis que ofrecer unha información de calidade”, salienta Soengas. O resultado tras estourar esa burbulla mediática foi unha realidade na que o un de cada tres profesionais da comunicación teme polo seu posto de traballo, unha cifra que aumenta ata o 54% cando se trata de maiores de 50 anos, ou que o 11% dos traballadores recoñezan que tras os recortes tiveron que asumir tarefas que non lle corresponden. Como recalca o profesor, “nalgúns sitios ata de limpeza”.

O informe destaca tamén a perda de dereitos laborais no último lustro, así como o empeoramento da situación económica para o 32% dos profesionais ou a perda de competencias para o 11%. E é que as empresas comezan a basear as súas políticas informativas “no aforro e desaparecen os criterios xornalísticos”. O panorama nos servizos galegos de colocación tampouco axuda a mellorar a situación: a porcentaxe de xornalistas parados pasou de ser do 3,29% en 2011 ao 26,3% no 2012; en Comunicación Audiovisual do 9,8 ao 23,4% e do 4 ao 10,6% en caso dos titulados en Publicidade e Relacións Públicas. “Estamos asistindo a un momento global de transformación no modo de comunicarnos como individuo e os medios están inxeridos nese proceso de cambio”, recalcou Miguel Túñez, profesor da USC.

Medios "low cost"
No medio desta realidade gañan pulo as novas formas de comunicación nas que os recentemente licenciados poden atopar un nicho de mercado: as pequenas e medianas empresas. “Os medios tradicionais xa non funcionan polo gran nivel de saturación e porque o público diríxese a medios alternativos. As redes sociais teñen un potencial enorme para as pemes porque son medios low cost ou gratuítos cos que poden mellorar a súa comunicación interna e externa”, asegura Mónica Valderrama. Sen embargo, “non todo o mundo está cualificado para elaborar eses escaparates virtuais, teñen que estar feitos por profesionais da comunicación” que sexan creativos, analicen á competencia ou consigan interacción e viralidade nos seus contidos.

Obradoiros prácticos
Este segundo Foro da Comunicación pretende servir de canle de contacto entre universidade, profesionais e empresas para establecer liñas de cooperación. Organizado por Expourense coa colaboración das tres universidades galegas, con Creatividade Galega, a Asociación Galega de Marketing e a Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia, ofrece un completo programa de conferencias e obradoiros orientados a analizar a situación que atravesan os profesionais da comunicación, marketing e publicidade e a poñer en valor as oportunidades laborais xeradas no sector.

Como novidade esta edición puxéronse en marcha tres obradoiros prácticos para aprender a elaborar un plan de marketing, para saber como activar a participación nas redes sociais e como crear un plan de comunicación para unha peme. Ademais, tamén se convocaron os Premios á Comunicación Innovadora de Galicia dividido en catro categorías e cos que se pretende recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que destacaran por revalorizar o campo da comunicación.

Fonte: duvi.uvigo.es