Oficina CEER
 28-11-2014
COMEZA A FESTA CIENTÍFICA DA UDC E A FUNDACIÓN BARRIÉ

A Universidade da Coruña organiza xunto con Educa Barrié, da Fundación Barrié, o encontro chamado UDCiencia. Trátase dunha “festa científica” organizada co obxectivo de levar a ciencia a toda a sociedade e á comunidade educativa dun xeito alcanzable, entretido e divertido, sen esquecer o sentido crítico e o rigor científico. As sesións inciaranse hoxe xoves, 27 de novembro, e se desenvolverán ata mañá venres na sede da Fundación Barrié. Están coordinadas polo grupo de divulgación científica UDCbigbang e abranguerán desde charlas para grupos escolares ata obradoiros para familias.

As charlas de ciencias, dirixidas a alumnado de segundo ciclo de ESO e Bacharelato, comezarán ás 10.00 horas, co bloque temático sobre xenética. Aos suxerentes títulos desta área, Superheroes e Es coma túa nai!, sumaranse ao longo da xornada outros como Inventando a realidade ou Mellorando o teu cerebro (aprobar sen estudar) na área de neurociencia, ou A invasión dos clones e Pementos de Padrón, uns pican e outros non, en bioloxía vexetal e ecolóxica. Na xornada do venres 28 desenvolveranse as áreas de microbioloxía, con temas como A microvida do teu corpo e De África ao mundo pasando polo teu píloro. En zooloxía ofreceranse charlas sobre Trolas, pequenos embustes e trucos de maxia ou animais de pedra, e en química haberá temas como O coche de hidróxeno ou A química que che pon... guapo.

Os obradoiros para escolares celébranse hoxe e mañá en xornada de mañá, con dous quendas de 10.00 a 11.30 horas e de 11.45 a 13.30 horas. Os destinados a familias terán lugar polas tardes, de 17.00 a 18.30 horas e de 18.45 a 20.30 horas. As temáticas serán microbioloxía, animais incribles, bioloxía vexetal e ecoloxía e neurociencia. Vendo o invisible, gústanme os vermes, Estoume a fosilizar, As plantas... teñen narices ou Esferificacións para laboratorio e cociña son algúns dos divertidos títulos dos obradoiros. En canto aos docentes participantes, figuran numerosos profesores da Universidade da Coruña, institución que participa na organización deste encontro a través da Unidade de Divulgación Científica e Cultural e a Facultade de Ciencias.

http://www.educabarrie.org/gl/agenda#/gl/eventos/udciencia-educabarrie-ven-gozar-da-ciencia-connosco

Fonte: udc.es