Oficina CEER
 12-01-2015
A UNIVERSIDADE BUSCA NOS PAÍSES ESCANDINAVOS NOVAS CANLES DE MERCADO PARA A TECNOLOXÍA DESEÑADA EN GALICIA

No marco do I Seminario de Innovación do proxecto Táctica.

Búscanse oportunidades de negocio para os enxeñeiros galegos en cuestións relacionadas coa eGobernanza.

Aplicacións móbiles para o sector hospitalario; apps para persoas discapacitadas que faciliten, por exemplo, a comunicación médico paciente ou interfaces que fagan máis doado o manexo de ordenadores e tabletas mediante o seguimento da retina para pacientes en UCI ou semellantes... Estes son só algúns dos temas dos que se falou esta semana no I Seminario de Innovación posto en marcha ao abeiro do proxecto Táctica, unha cita na que os e as investigadoras da Universidade de Vigo tiveron a oportunidade de intercambiar opinións e coñecementos con colegas doutros clúster, centros tecnolóxicos, empresas multinacionais e start-up bálticas, escandinavas e centroeuropeas cos que a institución viguesa mantén relación dende hai anos.

Co obxectivo de determinar os posibles modelos de transferencia mixta que coexisten entre Galicia, Finlandia, Estonia, Luxemburgo e Portugal, a xuntanza supón un chanzo máis de cara á montaxe de proxectos de networking (COST, H2020, etc.) e á dar a coñecer a cada un dos membros asistentes os equipos da Universidade de Vigo que traballan en temáticas afíns e que se centran, sobre todo, en cuestións relativas á administración electrónica nos contextos de saúde, eficiencia enerxética e medio ambiente.

Dous días de intensas reunións en Citexvi
O seminario, celebrado en Citexvi este xoves e venres, contou coa participación de numerosos expertos de universidades e empresas finlandesas , estonianas e luxemburguesas; a adxunta do reitor, Regina Carreira, así como de numerosos investigadores do centro AtlantTIC, no que se agrupan boa parte dos investigadores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e do denominado Observatorio para a gobernanza, grupo de investigación G3 do campus de Pontevedra.

“Nunha miscelánea tan grande de países e institucións temos que ser capaces de definir proxectos capaces de comparar realidades político-administrativas moi distintas”, explica o profesor Enrique Varela, do Observatorio para a gobernanza, que asistiu á xuntanza acompañado por outros dous integrantes do grupo, Xosé Mahou e Tino Cordal. “Trátase de deseñar ferramentas de participación que conecten co público e gañen a súa confianza”, engade Mahou, que pon como exemplo a receita electrónica ou o sistema de cita previa empregado polo Sergas. “Son dous sistemas nos que Galicia é pioneira e, non obstante, dadas as características da nosa poboación, aínda son moitas as persoas que non empregan estes servizos e, por exemplo, prefiren seguir achegándose ao seu centro de saúde para pedir unha cita”, engade Varela.

Novas liñas de negocio e novos mercados
Chegada dende Finlandia, Tuija Hirvikoski, vicerreitora de Relacións Internacionais da Laurea University of Applied Sciences, fixo fincapé nesta xuntanza de traballo en que o futuro de Europa pasa pola especialización e, neste senso, é fundamental que a axenda política da Unión Europea tome en consideración o que propoñen estes grupos de traballo. “As diferentes rexións podemos aprender unhas das outras e destes intercambios xurdirán novas liñas de negocio e novos postos traballo”, subliñou a experta, que aproveitou a súa presenza en Vigo para loar o elevado nivel dos investigadores da Universidade no eido da telemática. “Todo este coñecemento ten que incorporarse aos nosas empresas e, ao tempo, as empresas de aquí gañarán alí novos mercados”, recalcou.

500.000 euros para que o coñecemento viaxe dos laboratorios ás empresas
O proxecto Táctica, formulado polo centro de investigación AtlantTIC da Universidade, está orientado a favorecer e redundar nos beneficios que o coñecemento xerado nas universidades pode concretar en termos de negocios empresariais na nosa comunidade autónoma e, neste senso, os seus responsables prevén destinar en 2015 uns 500.000 euros a propiciar esta canle de comunicación coas empresas. Para isto empregaranse fórmulas como as UTE, Unións Temporais de Empresas nas que participen centros tecnolóxicos e empresas galegas con outras entidades internacionais especializadas no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas de elevado valor engadido e impacto tractor, “o que redundaría nunha maior competitividade do noso territorio”, subliñou a adxunta do reitor, Regina Carreira, que falou tamén da posibilidade de adoptar fórmulas de transferencia innovadoras, como son os contratos de servizos de I+D, de colaboración pública – privada ou inclusive a intermediación e a explotación comercial a través de EBTs galegas altamente tecnolóxicas en cotitularidade con multinacionais.

“Isto traducirase nunha maior experiencia e coñecemento do tecido produtivo galego, xa que as posibles alianzas temporais de carácter estratéxico que as entidades galegas poidan subscribir con outros países que están na vangarda tecnolóxica poden abrir novas canles de mercado para a tecnoloxía deseñada en Galicia”, subliña Carreira, que avanza que ao longo deste ano se celebrarán máis seminarios deste tipo.

Fonte: duvi.uvigo.es