Oficina CEER
 16-01-2015
O CORO UNIVERSITARIO DA USC BUSCA NOVAS VOCES

O Coro da Universidade de Santiago de Compostela anda á procura de novas voces. As persoas interesadas deberán presentarse a unha proba de selección o mércores 28 de xaneiro ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade. A participación no coro está recoñecida con créditos.

O Coro fundouse en 1979 por iniciativa da Vicerreitoría de Extensión Universitaria con Maximino Zumalave como director, a quen lle seguiron Xan Viaño, Margarita Guerra, Juan Carlos García Pardo e Juan Carlos Dorgambide. Dende 1999 diríxeo Miro Moreira, profesor de Canto Coral e Formación Vocal da USC.

Hoxe concíbese como un proxecto pedagóxico de formación coral que desenvolve unha interesante actividade de difusión da música antiga. Nesta liña se encontran os seus últimos programas interpretados como Missa brevis en Sol, KV 49 de Mozart, os oratorios Jephte e Xonás de Carissimi, Gloria de Vivaldi, Barca di Venetia per Padova de Banchieri, Música Barroca do período Virreinal, Misa Dolorosa de Caldara, Las Ensaladas de Mateo Flecha, El tañer con el cantar: cancioneiros de Upsala, Medinacelli e Colombina, Nacións Barrocas (escolas barrocas europeas), Dido e Aeneas de Purcell, Membra Jesu Nostri de Dietrich Buxtehude, Luces y Cariños en torno a José de Vaquedano e Música das Catedrais de Nueva España.

Fonte: xornal.usc.es