Oficina CEER
 20-01-2015
O PROFESOR DA USC LUIS GARCÍA SOTO GAÑA O XIV PREMIO RAMÓN PIÑEIRO DE ENSAIO

O profesor da Área de Ética da Facultade de Filosofía da USC Luis García Soto fíxose co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio na súa XIV edición pola obra Barthes filósofo. Convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e pola Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa, o galardón está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra.

O xurado – integrado por Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Cachero, Antón Figueroa, Olivia Rodríguez González e Carlos Lema– valorou especialmente que a obra faga unha reinterpretación desde Galicia da obra de Roland Barthes, que García Soto considera como dun auténtico filósofo. Argumentando a través da análise de cada unha das obras do autor, o ensaio debulla esta tese, en clave semiolóxica, na procura dun diálogo co lector/a.

Luis García Soto
Licenciado en Dereito e licenciado e doutor en Filosofía pola USC, Luís García Soto (A Coruña, 1956) é profesor de Filosofía Moral no Departamento de Lóxica e Filosofía Moral nesa universidade.

É autor en galego de Outramente Barthes (1988); Aristóteles (2003); Paz, guerra e violencia (2003); O felo ou (2007); O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios (2008); Os boteiros e... (2011); O labirinto da saudade (2012), así como das obras colectivas Europa: mito e razón (2001); A Coruña á luz das letras (2008); e Preludios para Miguel Anxo Fernán-Vello (2011). No eido da tradución destacan Nova enciclopedia de bioética (2005) e Dez teses sobre a ética de Alain Badiou (2009).

O Ramón Piñeiro de Ensaio súmase ao recoñecemento de Mellor libro do ano 2005 na XV edición dos premios Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia por Nova enciclopedia de bioética e o Carvalho Calero 2012 por O labirinto da saudade.

Fonte: xornal.usc.es