Oficina CEER
 21-01-2015
AS REDES SOCIAIS COMO UN CAMPO DE TRABALLO CON FUTURO NUNS TEMPOS DE “CAMBIO DE PARADIGMA”

Ciencias Sociais e da Comunicación celebra o luns 26 o"Social Media Day". Catro profesionais exporán as súas experiencias nos relatorios que se sucederán ao longo da mañá. Destaca o profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Rolán que a comunicación de masas atópase nun proceso de redefinición nestes tempos de “cambio de paradigma”. Uns tempos nos que “todos somos emisores e receptores de información” e nos que “a comunicación unilateral xa non ten cabida, posto que o mundo é bidireccional”. De aí que a empresas e institucións xa non lle importe só facer chegar a súa mensaxe a uns determinados públicos, senón tamén coñecer que pensa a xente á que se dirixen, labor no que xogan un papel crucial os xestores de redes sociais e comunidades virtuais, “unha profesión con futuro” que centrará o vindeiro luns o Social Media Day desta facultade. Catro profesionais que converteron a xestión de redes sociais no seu campo fundamental de traballo protagonizarán os relatorios que se sucederán ao longo da mañá na facultade no marco da actividade coa que Ciencias Sociais e da Comunicación conmemorará por primeira vez o Día Mundial do Community Manager. Unha iniciativa coa que se pretende amosar ao alumnado que esta é “unha profesión con moito futuro”, como destaca Rolán, que incide na necesidade de empresas e institucións de “xestionar as súas redes sociais dunha forma eficiente, xa que precisan conectar con novos públicos e comunicarse dunha maneira diferente, escoitando á xente á que se dirixen para, dalgunha maneira, recoller un feedback co que tratar de mellorar o seu produto e a súa comunicación”. Neste senso, Rolán incide en que, pese a que a do community manager é unha profesión “con moito de autodidacta”, tamén é preciso que o alumnado poida rematar a súa etapa formativa “cunha base que, obviamente, acaba sendo unha vantaxe competitiva para eles”. Non en van, unha xestión eficaz das comunidades virtuais non pasa polo coñecemento e manexo das diferentes redes sociais, senón por contar cos coñecementos necesarios para ser capaz “non só de dicir o que fai ben unha empresa, senón de posicionala dentro do sector”, a través dun proceso que, en primeiro termo “pasar por escoitar moito para saber como conectar unha marca cos seus públicos no seu mesmo idioma”. Por ese motivo, este docente lamenta que moitas empresas opten por encomendar este tipo de tarefas “a xente que non está formada, xa que, do mesmo xeito que non deixan a súa produción en mans de xentes que non coñecen o produto, tampouco deberían deixar un aspecto tan importante como a comunicación en mans de xente que non coñece as súas interioridades”. Os diferentes campos da profesión Co obxectivo de achegar ao alumnado a este “campo en crecemento”, a facultade reunirá neste Social Media Day a catro profesionais que afondarán no mundo das redes sociais desde diferentes perspectivas, nuns relatorios abertos a todas as persoas interesadas, que se verán sucedidos por un coloquio “que trataremos de facer interactivo dalgunha maneira”, abríndoo non só ás preguntas que realicen os presentes no salón de actos, senón tamén ás de aquelas persoas que sigan o evento a través das redes sociais. Coa idea de afondar nos diferentes ámbitos de traballo destes profesionais, o papel das redes sociais na difusión de medios como os blogs centrarán o relatorio Iago Varela, coordinador do blog Mallando no Android, mentres que os vínculos entre estes novos medios e o deseño serán o eixo da intervención da deseñadora gráfica Cristina Fernández. Por outra banda, o xestor de comunidades virtuais Óscar Reboiras abordará as claves da atención ao cliente en redes sociais, mentres que Verónica Ramallal abordará nesta xornada as ideas de “marca persoal e identidade dixital”, xa que, como explica Rolán, “aínda que ter unha conta en Facebook non te converte nun xestor de redes sociais, todos temos que ser en primeiro community managers de nós mesmos”. Fonte: duvi.uvigo.es