Oficina CEER
 27-01-2015
VIAÑO IMPULSA UN PROCESO DE CAMBIO NA USC PARA DAR RESPOSTA ÁS DEMANDAS DA SOCIEDADE

O reitor da USC preside este luns a celebración da festividade académica de San Tomé de Aquino na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo.

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Viaño Rey, presidiu este luns o acto académico de San Tomé, patrón da Universidade, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, onde comezou o seu discurso con verbas de lembranza e homenaxe ao profesor Santiago Buide Díaz, co gallo do seu pasamento.

Viaño aproveitou o seu primeiro discurso de San Tomé para, logo de apelar ao esforzo e á responsabilidade colectiva de toda a comunidade universitaria, abrir unha fiestra ao optimismo logo dun lustro de crise social, económica e de polémicos cambios nas leis e nos modelos educativos de ensino superior... cuxo resultado é a diminución de estudantado, de recursos e tamén de expectativas de crecemento.

“Agora chega o momento de dar un xiro á situación”, aseverou Juan Viaño, que, consciente das dificultades existentes, demanda o apoio de todos, para avanzar cara un mellor modelo laboral, docente, económico e social. “O contexto é moi complicado e xa non podemos esperar axudas nacidas en San Caetano, Madrid ou Bruxelas. A axuda converteuse en compromiso e é agora cando temos que aumentar o noso esforzo para demostrar que temos boas ideas e capacidade para desenvolvelas”.

Temos unhas boa Universidade, pero non debemos conformarmos, dixo o reitor da USC, para quen o novo marco orzamentario constitúe unha oportunidade para abrir unha nova senda de crecemento é mellora. Cómpre, pois, subliñou Viaño, “engraxar a maquinaria dunha institución centenaria para afrontar con responsabilidade e bo facer as demandas que a sociedade xa nos está pedindo agora”.

Os cambios experimentados nos últimos meses no campus de Lugo, no que as iniciativas postas en marcha polo novo equipo de goberno da USC permitiron frear a tendencia negativa de progresiva perda de alumnado no campus de Lugo, onde tamén aumentaron en preto dun 70% as actividades formativas propostas para desenvolver no marco da Universidade de Verán 2015, ademais de terse reforzado as ligazóns cos centros de ensino medio a través da figura do coordinador do programa ‘A Ponte”, relatou Viaño.

Nunha intervención conciliadora e optimista, o reitor da USC recoñece o esforzo feito para chegar ata a actualidade, ao tempo que advertiu de que “agora xa non podemos vivir só de tradición”. Daquela, Viaño avoga por, entre outras medidas, simplificar os sistemas burocráticos na Universidade e artellar unha oferta de estudos máis versátil e atractiva. O reitor sitúa neste mesmo escenario de cambios o Campus Terra, un marco de especialización que permitirá a calquera estudante, científico, empresa ou institución atopar a calidade formativa e investigadora que require a sociedade.

A Universidade ten que seguir a aportar valor á sociedade e, na USC, ademais de ter a responsabilidade de facelo, contamos tamén cos profesionais do coñecemento e cunhas infraestruturas mínimas. Aínda así, sinala Viaño, falta mellorar o apoio administrativo aos investigadores e establecer as estratexias globais que nos permitan marcar as rutas correctas cara os lugares axeitados.

O reitor manifestou a súa confianza nas potencialidades da USC e, por ende, a súa convicción de que o futuro da institución académica será próspera. Daquela, Juan Viaño non ocultou o seu desexo de que na Universidade se fagan descubrimentos que cambien para ben o xeito de vida, un ambicioso reto que se pode acadar con saber e esforzo, as mesmas ferramentas coas que se pode loitar contra a mala economía, concluíu.

Lección maxistral
A profesora do Departamento de Economía Cuantitativa da USC María Isabel Neira Gómez foi a encargada de ofrecer a lección maxistral da cerimonia académica de San Tomé de Aquino, unha intervención que se desenvolveu baixo o título ‘O valor do impar: o talento innovador’ e durante a que fixo diversas reflexións sobre o emprendemento, creatividade, innovación, actitude, coñecemento... e tamén sobre o actual sistema de ensino universitario.

Unha vez rematada a intervención da profesora Neira Gómez e logo do discurso do reitor da USC e das distintas intervencións da Orquestra do Espazo de Cámara da USC, o propio Juan Viaño pechou o acto académico de San Tomé, unha cerimonia que tradicionalmente a USC conmemora no campus de Lugo e que nesta ocasión citou na Facultade de Administración e Dirección de Empresas unha nutrida representación de autoridades dos ámbitos político, científico, cultural e social da capital luguesa.

Fonte: xornal.usc.es