Oficina CEER
 28-01-2015
ENXEÑARÍA VIGUESA PARA REDUCIR OS ATROPELOS DE PEÓNS E CICLISTAS

Arredor de 500 peóns e ciclistas falecen ao ano nas estradas españolas en accidentes de tráfico, que provocan máis de 3000 ingresos hospitalarios. Son datos da Dirección General de Tráfico, DGT, organismo dependente do Ministerio del Interior, que financiará un proxecto de investigación saído do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas da Universidade de Vigo co obxectivo de deseñar e desenvolver un sistema para a prevención de atropelos en travesías e zonas próximas, mellorando así os niveis de seguridade e reducindo a sinistralidade nas estradas. O sistema proposto polo grupo de investigación que lideran os profesores da Área de Enxeñaría Cartográfica Pedro Arias e Henrique Lorenzo Cimadevilla, supón, segundo afirman “un salto tecnolóxico substancial no sector da seguridade viaria, permitindo obxectivar e automatizar a clasificación de zonas potencialmente perigosas, así como os procesos de medición e inspección de ditas zonas de risco, ao tempo que deparará un diagnóstico preciso e fiable dos datos técnicos necesarios”.

A utilización dun sistema LiDAR móbil, que permite obter modelos xeométricos tridimensionais dunha estrada e da súa contorna e o desenvolvemento, a partir dos datos obtidos polo LiDAR, de algoritmos orientados a determinar a visibilidade en zonas de travesía, permitirán, ao abeiro deste proxecto, xerar unha cartografía adaptada a unha condución máis segura.

Dez investigadores, un LiDAR e os algoritmos computacionais Unha decena de investigadores da Universidade de Vigo conforman un equipo que contará coa colaboración de responsables de Tráfico da Guardia Civil para desenvolver un proxecto co que se pretende combater o fenómeno dos atropelos, incrementado nos últimos tempos polo fomento da actividade física e os estilos de vida saudables e máis recorrente en zonas como Galicia, onde a dispersión da poboación provoca que moitos peóns se despracen habitualmente polas beiravías e por vías cun trazado e configuración complicados.

Para a realización do estudo os investigadores empregarán un LiDAR móbil Optech Lynx Mobile Mapper, propiedade da Universidade, que instalado nun furgón é quen de obter nubes de puntos tridimensionais da contorna con gran precisión e sen interromper o tráfico. Dotado dun sistema GPS-inercial para definir a traxectoria do vehículo e unha parella de sensores tipo láser escáner para obter as coordenadas espaciais da contorna, o sistema LiDAR recollerá os datos en dúas zonas de interese polo elevado número de atropelos de peóns e ciclistas, que serán definidas pola Agrupación de Tráfico da Guardia Civil. “As nubes de puntos xeradas por un LiDAR móbil son sistemas de información masiva que necesitan ser organizados para obter datos de utilidade para os usuarios”, explica Higinio González investigador do grupo, que destaca que este proxecto pretende desenvolver algoritmos de procesado xeoespacial de datos LiDAR orientados a determinar a visibilidade en zonas de travesía, tendo en conta o punto de vista do condutor e o peón/ciclista e aspectos como o mobiliario urbano, a invasión da beiravías pola vexetación ou curvas con radios de curvaturas pequenos que dificultan a visibilidade.

Unha vez realizada a toma de datos, procederase ao desenvolver a algorítmica necesaria para obter a información de interese para a elaboración dos mapas de risco. Cando os algoritmos desenvolvidos sexan validados serán integrados como procesos nun sistema informático xeográfico no que se visualicen as zonas de risco máis importantes referidas a atropelos e zonas próximas. “O resultado dos xeoprocesos será cartografía temática que será integrable nos sistemas de información de tráfico da DGT, permitindo determinar zonas de risco e axudando á toma de decisións sobre a necesidade de executar accións correctoras sobre a vía, que preveñan novos accidentes”, explica Belén Riveiro investigadora do grupo nun proxecto que permitirá xerar cartografía adaptada a unha condución máis segura para así reducir a sinistralidade nas estradas, debido a problemas de visibilidade e incorrecta localización da sinalización.

As posibilidades do escaneado láser 3D en contornas reais Aínda que o potencial do escaneado 3D en contornas reais está demostrado, o desenvolvemento de métodos e procedementos que automaticen o procesado dos datos de xeito que o usuario final poda acceder aos mesmos de xeito sinxelo, segue a ser un reto. A continuidade da liña de investigación formulada neste traballo coa DGT cara a outras problemáticas da contorna viaria, como por exemplo os cruces de fauna ou a avaliación do fluxo de augas sobre a vía, formúlanse desde o grupo de investigación da ETSE de Minas como algunhas posibilidades de futuro.

Así mesmo, este proxecto, aseguran, contribuirá ao desenvolvemento dos estándares de dixitalización 3D a nivel mundial, unha técnica que non é plenamente competitiva no mercado por causa do complicado procesado de datos demandado e á falta de algoritmos que automaticen os procesos. Un problema que cos resultados destes proxecto se pretende resolver, facilitando así a aposta que empresas e administracións están a realizar pola implantación da tecnoloxía LiDAR.

Fonte: duvi.uvigo.es