Oficina CEER
 06-03-2008
Un equipo da Universidade de Santiago está a deseñar un sistema novidoso de realidade virtual e aumentada destinado aos museos, que permitirá aos visitantes interactuar coas obras

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2008 (Vía Láctea Comunicación).- Un equipo do Laboratorio de Sistemas da Universidade de Santiago, integrado no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas, traballa dende hai anos no eido da computación gráfica. Entre as súas liñas de investigación destaca o desenvolvemento de ferramentas software para a implantación de aplicacións baseadas na realidade aumentada e na mobilidade. Na actualidade céntranse nun proxecto destinado á posta en valor do patrimonio histórico, pensado en particular para os museos. Está financiado polo Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico da Consellería de Innovación e Industria.

O coordinador deste grupo, denominado MAR -Multimedia Animación en Realidade Virtual-, é Julián Flores González. Trátase dun equipo interdisciplinar integrado por informáticos e físicos electrónicos, especializados en programación e multimedia, ademais de expertos en Arte. O investigador explica que “cando unha persoa entra nun museo e se detén nunha obra ou peza en particular, non ten máis información sobre a mesma que o que está a ver”. Así, a idea do equipo da Universidade de Santiago é incorporar toda a información posible relativa a cada obra para que os usuarios poidan dispor dela de forma simultánea, segundo a van contemplando.

Os investigadores tratan de superar a dificultade que supón proxectar información sobre superficies irregulares Con este fin o equipo está a desenvolver unha ferramenta de realidade aumentada, unha parte da computación gráfica que, tal como sinala Flores, “consiste en superpoñer información xerada por ordenador a un obxecto real, proxectándoa sobre o mesmo”.

Sen embargo, á hora de desenvolver esta ferramenta preséntanse unha serie de problemas, xa que en moitos casos se trata de obxectos ou superficies non planas. “E proxectar sobre superficies curvas resulta moi complexo” -manifesta o investigador-. Para iso é preciso capturar cunha cámara cada obxecto e tratalo de forma independente. Outro problema é que a proxección ten que facerse en tres dimensións, para que se vexa segundo o visitante se vai movendo ao redor da peza. Isto esixe facer un tracking ou seguimento do usuario, é dicir, recoñecer cunha cámara onde se sitúa o visitante para proxectar a información en diferentes puntos do obxecto, de xeito que en cada punto se ofrecen datos específicos.

O investigador Julián Flores indica que esta ferramenta ten relevancia sobre todo no caso das reconstrucións históricas, xa que ofrece a posibilidade de interpretar o que se está a ver. “O usuario pode seleccionar a información que lle interesa, de xeito dinámico, como se fose un libro con diferentes capas de información, accedendo a unha base de datos” -explica-. Ademais, dependendo onde se sitúe, o visitante vai obtendo unha reconstrución e datos concretos do contorno da peza, mesturado coa peza real.

De escaparates de roupa a axencias inmobiliarias Tal como indica o investigador, na actualidade non existe ningún sistema destas características. Ademais, unha vez desenvolto, no futuro podería ter aplicacións moi diversas. Nesta liña, o equipo da Universidade de Santiago está a pensar en incorporar esta idea nos escaparates das tendas de roupa. “Deste xeito poderíase proxectar a roupa directamente sobre os manequíns e, segundo onde se sitúe o usuario, veríanse modelos diferentes” -explica Flores-. O investigador incide en que “a finalidade é crear escaparates dinámicos, non estáticos como os actuais, que só mostran un único modelo por manequín. Desta maneira sería posible mostrar toda unha colección”.

A idea tamén se pode trasladar a outro tipo de escaparates, como o caso das axencias inmobiliarias, que mediante esta ferramenta de realidade virtual poderían amosar infografías en lugar de maquetas das vivendas. Ademais, o usuario podería ver a casa ou edificio no que está interesado dende diferentes puntos de vista e obter todo tipo de información relativa ao mesmo.

Os investigadores xa dispoñen dun prototipo funcional Na actualidade o equipo do Laboratorio de Sistemas da Universidade de Santiago xa dispón dun prototipo funcional deste sistema de realidade virtual. Aseguran que xa están en disposición de facer proxeccións en superficies semitransparentes, así como un seguimento dos usuarios.