Oficina CEER
 08-05-2015
DIAGNOSE PRECOZ E TRATAMENTOS PERSONALIZADOS, RETOS CIENTÍFICOS NOS TRASTORNOS DE SAÚDE NA INFANCIA

Nun seminario organizado polo IBI no marco do proxecto Biocaps.

Expertos en hipotonía infantil e alteracións do sono na infancia expoñen as súas investigacións.

A comunidade científica do campo da pediatría enfróntase aínda a retos moi complexos relacionados con trastornos de saúde que aparecen durante a infancia e, en moitos casos, se cronifican na idade adulta. A diagnose precoz e os tratamentos personalizados baseados nas causas das patoloxías son claves para a abordaxe de trastornos como a hipotonía ou diminución do ton muscular e das alteracións do sono asociadas a síndromes de carácter psiquiátrico ou neurolóxico. Entre hoxe e mañá, o Instituto de Investigación Biomédica (IBI) reúne no Hospital Xeral de Vigo a expertos nestes campos da pediatría con motivo do undécimo seminario científico organizado no marco do programa Biocaps.

A hipotonía infantil, que consiste na diminución do ton muscular, centra esta primeira xornada do seminario. Segundo Cristina Melcón, especialista en neuropediatría do Hospital Xeral Cíes de Vigo, as causas xenéticas e metabólicas explican até un 50% dos casos deste trastorno en nenos. Esta doenza pode traducirse en dificultades na mobilidade corporal e no control postural, o que, á súa vez, carrexa alteracións na linguaxe, na deglución, na aprendizaxe, na socialización e na funcionalidade en xeral, segundo a gravidade. En seis de cada dez casos, a hipotonía ten orixe central, é dicir, a súa causa atópase no sistema nervioso central (cerebro e medula espiñal). No 40% restante dos casos, o problema atópase no sistema nervioso periférico ou no músculo. Segundo Melcón, nos últimos anos houbo grandes avances no diagnóstico da hipotonía grazas ao desenvolvemento de técnicas de citoxenética e bioloxía molecular, melloría na neuroimaxe, bioquímica e inmunohistoquímica. “O futuro está encamiñado a mellorar aínda máis a diagnose, sobre todo da maneira máis precoz posible, mesmo en determinados casos de maneira prenatal, así como ao desenvolvemento de terapia xénica e tratamentos substitutivos”, explica.

En canto aos tratamentos, Manuela Barrio, especialista en medicina de rehabilitación no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), expuxo a súa experiencia coas terapias baseadas na rehabilitación e a ortopedia. Partindo da necesidade de deseñar os tratamentos no contexto individual de cada paciente atendendo ás causas do trastorno hipotónico, considéranse adecuadas todas as técnicas de fisioterapia que axuden a estimular a motricidade e facilitar a adquisición de fitos madurativos. Polo que respecta á ortopedia, a experta sinala que é moi importante favorecer un correcto posicionamento dos pacientes da maneira máis precoz posible para evitar deformidades, sobre todo na columna. “Na actualidade, os tratamentos de rehabilitación están a centrarse no adestramento motor orientado a tarefas, é dicir, en favorecer que o grao de mobilidade e ton muscular de cada paciente sexa utilizado para conseguir un fin concreto, adestrando actividades cotiás”, explica Barrio.

Trastornos do sono
A xornada de mañá venres reservarase integramente aos trastornos do sono en lactantes, nenos e adolescentes. Os relatores achegarán os datos máis recentes sobre as apneas (cesamentos na respiración de entre 15 e 20 segundos durante o sono), as parasomnias (entre as que se atopan o sonambulismo e os terrores nocturnos), a síndrome de pernas inquietas (que suscita o impulso incontrolable de moverse durante o descanso) e os problemas de sono no trastorno de hiperactividade e déficit de atención (enfermidade que afecta a preto do 7% dos nenos españois).

Emilio Rodríguez, experto en medicina do sono do Hospital Xeral de Vigo, asegura que a síndrome de pernas inquietas (SPI), sobre a que centrará o seu relatorio, é un trastorno complexo e aínda non de todo comprendido, pero “púidose constatar que a deficiencia de ferro e a historia familiar da enfermidade son os factores de risco máis comúns en nenos e adolescentes”. Esta síndrome, que afecta a entre un 2 e un 6% da poboación en idade infantil e adolescente, non ten cura. “Un neno con SPI vai ser, con seguridade, un adulto con SPI”, afirma Rodríguez. Neste sentido, o tratamento só é sintomático e en todos os casos debe ser individualizado. “Existen unha serie de medidas conservadoras como un horario regular de sono-espertar, evitar comidas copiosas ou o exercicio intenso nas horas previas a deitarse e reducir as actividades estimulantes, como ver a televisión ou os videoxogos antes de ir á cama”, detalla. Ademais, aconséllase revisar detalladamente o consumo de cafeína, chocolate, antihistamínicos e fármacos antagonistas dos receptores de dopamina, un dos neurotransmisores máis comúns.

No caso do trastorno de hiperactividade e déficit de atención (THDA), a especialista en psiquiatría Belén Martínez exporá os múltiples retos aos que se enfronta a comunidade científica en relación ao que é o trastorno da conduta máis comunmente diagnosticado nos nenos. En primeiro lugar, falta información que permita dimensionar adecuadamente o problema, polo que é necesario recompilar datos exhaustivos por idade e xénero e os tipos de tratamento utilizados. Por outra banda, é necesario realizar estudos para clarificar a orixe da enfermidade e analizar ben o papel dos tratamentos farmacolóxicos e psicolóxicos na súa evolución. “E, evidentemente, hai que abordar o desenvolvemento e avaliación de novos tratamentos para o TDAH que teñan maior eficacia no tempo ou que mesmo posúan efectos curativos, dado que actualmente só dispomos dun tratamento sintomático ao que non todos os pacientes responden de forma completa”, apunta Martínez.

Polo que respecta aos trastornos do sono que sofren os nenos afectados por TDAH, a experta advirte de que aínda se descoñece se están causados directamente pola enfermidade ou se se deben a outros aspectos asociados, como o estado de ánimo ou de ansiedade e os fármacos. A estratexia para atallalos dependerá dunha análise individualizada do paciente, pero en xeral “podemos incluír un programa de medidas psicoeducativas e de hixiene do sono e axustar os fármacos en caso de recibir o paciente este tipo de tratamento”, explica Martínez.

Fonte: duvi.uvigo.es