Oficina CEER
 13-05-2015
CAMPUS DO MAR CAPTARÁ DEZ INVESTIGADORES POSDOUTORAIS DE ALTO NIVEL AO ABEIRO DO PROGRAMA MARIE CURIE-COFUND

O campus de excelencia acadou financiamento europeo para impulsar o programa Fellowsea.

Cun custo de algo máis de dous millóns de euros ofreceranse contratos de formación de tres anos.

Por que non reverter a tendencia de enviar doutores e o doutoras saídos das aulas na Universidade de Vigo a formarse na súa etapa posdoutoral en centros estranxeiros, converténdose nunha institución receptora, na que os e as tituladas prosigan a súa aprendizaxe? Este obxectivo sumado á evidencia dunha carencia de investigadores e investigadoras posdoutorais formados fóra das institucións que integran Campus do Mar, foi a que levou aos responsables do campus de excelencia internacional da Universidade de Vigo a acudir a Europa na procura de fondos que permitisen poñer en marcha o programa Fellowsea, Programme for post-doctoral talent attraction, a través do que contratar dez investigadores e investigadoras, que se incorporarán a grupos das universidades de Vigo e A Coruña e aos centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía. Afeitos a enviar doutores e doutoras formadas na Universidade a outros centros estranxeiros, “desde Campus do Mar pensamos”, explica Elsa Vázquez, directora da Área de Docencia e Captación de Talento do campus de excelencia internacional, “que actualmente temos un nivel investigador suficientemente bo e atractivo para que ocorra o contrario: que nos convertamos en un polo que resulte atractivo para que doutores estranxeiros continúen a súa formación no Campus do Mar, complementando, tamén, as potencialidades dos nosos grupos de investigación e facilitando a formación de redes internacionais”.

O financiamento, obtido no marco do programa Marie Curie-Cofund orientado á captación de investigadores e investigadoras de alto nivel curricular de calquera lugar do mundo, sumado á achega realizada polo propio Campus de Mar, sitúan a dotación económica do programa Fellowsea en 2.242.000 euros. “Cofund é unha convocatoria moi competitiva, na que se valora non só o currículo previo dos solicitantes senón tamén o plan de investigación que se pretende desenvolver na institución de destino, entre outros aspectos”, explica Asunción Longo, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, que confirma que sete dos dez investigadores e investigadoras que será captados a través deste programa estarán destinados á institución académica viguesa. Longo incide en que a captación de talento investigador de excelencia “é un obxectivo prioritario que permitirá impulsar de xeito significativo as nosas liñas de investigación e mellorar os resultados de I+D+i en todos os aspectos, ao tempo que o carácter internacional da convocatoria é clave en relación cos nosos obxectivos de internacionalización”.

Alicientes económicos e formativos
A través dunha ampla campaña de difusión entre universidades e institucións de investigación internacionais, así como da publicación de anuncios en Nature e Science, desde Campus de Mar pretenden facer chegar esta convocatoria ao maior número de investigadores e investigadoras, que para entrar no proceso de selección deberán acreditar catro anos de experiencia posdoutoral en investigación científica, tecnolóxica e de xestión mariña e marítima, así como non residir en España máis de 12 meses nos últimos tres anos. “Cremos que a convocatoria resultará suficientemente atractiva para que teñamos non só moitos candidatos, senón que os que se presenten van ser suficientemente bos para que ningunha das prazas quede deserta”, explica Elsa Vázquez.

Un contrato de tres anos cun salario acorde coa categoría do posto e a posibilidade de continuar formándose con grupos de investigación recoñecidos internacionalmente e activos cientificamente, son segundo a directora da Área de Docencia e Captación de Talento de Campus do Mar, dous dos principais atractivos do programa Fellowsea, aos que se suma o feito de ser unha convocatoria dentro das accións do programa europeo Marie-Curie. Nove representantes institucionais dos organismos receptores dos investigadores e investigadoras contratados e un grupo de expertos en diferentes campos da investigación mariña alleos a estes organismos conforman o comité científico que se encargará da selección da decena de investigadores postdoutorais que se incorporarán ao Campus do Mar.

Tras obter financiamento para este programa, o campus de excelencia internacional ten previsto presentar outra candidatura para atraer estudantes predoutorais dentro da convocatoria European Joint Doctorate.

Fonte: duvi.uvigo.es