Oficina CEER
 21-05-2015
O MOMENTO DE FORMARSE NUN MOVEMENTO SAUDABLE CON MOITO FUTURO: A "MARCHA NÓRDICA"

Ata o 30 de xuño permanece aberta a inscrición no II Curso de Especialista en Marcha Nórdica.

Trátase do único posgrao especializado nesta disciplina que se imparte en España.

Dous bastóns, que se apoian no chan de xeito alternativo mentres se camiña, son o único equipamento necesario para practicar marcha nórdica, un “movemento saudable” que destaca por ser unha actividade física accesible para a meirande parte da poboación e polo notable incremento do gasto calórico que supón con respecto ao simple camiñar. Quizais por iso, esta práctica deportiva, moi estendida xa no norte de Europa, está a gañar cada vez máis adeptos noutras partes do continente, o que a súa vez fai preciso dotar dunha formación especializada a aqueles e aquelas que se van encargar da súa instrución e prescrición. Unha formación como a que outorga o II Curso de Especialista en Marcha Nórdica, que se desenvolverá o vindeiro curso na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, sede do único posgrao especializado nesta disciplina que se imparte en España.

“En toda Europa, só en Italia existe outro curso destas características”, salienta o profesor Iván Martínez, director deste título propio da Universidade, que mantén aberto ata o 30 de xuño o seu período e de inscrición e que está destinado a achegar unha ampla formación, tanto teórica como práctica, sobre un “novo concepto de movemento terapéutico con moito percorrido noutros países e que cremos que aquí ten moito futuro”. Non en van, ademais das vantaxes que implica o feito de ser un exercicio apropiado para persoas de todas as idades, a marcha nórdica permite activar a musculatura de ombros, costas, peito ou brazos e resulta unha actividade “especialmente útil en persoas con algún problema de saúde”, como sinala este docente. Afectados e afectadas por sobrepeso, diabetes, linfedema ou cardiopatías poden atopar un xeito de mellorar a súa saúde nesta práctica e “obviamente, para que a intervención con marcha nórdica sexa efectiva e segura, é imprescindible un coñecemento previo das materias do ámbito da saúde ou das ciencias do deporte”, por parte da persoa encargada de ensinarlles as súas técnicas, como engade Martínez.

Formación de máximo nivel
Esta aplicación terapéutica fai “imprescindible” que os futuros monitores e monitoras de marcha nórdica conten cunha “formación completa e rigorosa”, como salienta o director deste posgrao. Non obstante, a marcha nórdica non está recoñecida a día de hoxe como modalidade deportiva polo Consello Superior de Deportes, o que trae como consecuencia “unha formación heteroxénea e non regulada”, na que proliferan cursos “sen base científica e se ningunha validez académica”, como lamenta Martínez.

Fronte a este tipo de iniciativas, o Curso de Especialista en Marcha Nórdica ten como propósito ofrecer unha “formación de máximo nivel nun ámbito moi específico”, co obxecto de que os alumnos e alumnas adquiran todas as competencias precisas para prescribir e supervisar programas de marcha nórdica. Con 12 créditos de formación teórica semipresencial e 8 de formación práctica presencial, este curso de especialista, que se impartirá entre os meses de outubro e maio, formará aos estudantes en biomecánica, rehabilitación física, planificación de adestramentos, intervención con persoas maiores, vendaxe funcional ou valoración de condición física. Trátase ademais, como sinala Martínez, dun “ensino moi individualizado”, xa que a súa matrícula só está aberta a un máximo de 15 persoas, que disporán ata o 30 de xuño para formalizar a súa preinscrición a través da plataforma Bubela.

Un novo nicho de mercado
“Trátase dunha formación especializada e con proxección profesional inmediata”, engade o responsable deste título, que pon o acento no crecemento que esta a experimentar en países como España a práctica da marcha nórdica, o que ao seu xuízo implica que “exista un novo nicho de mercado arredor deste movemento terapéutico”. Se a isto se suma o feito de que se trata do único título de especialista nesta disciplina que expide unha universidade en España, non resulta estraño que, como engade, “a primeira edición contase xa con moito alumnado de fóra de Galicia”.

Fonte: duvi.uvigo.es