Oficina CEER
 26-05-2015
A UDC IMPULSA UN VIVEIRO DE EMPRESAS PARA A CAFETERÍA DO CAMPUS DE FERROL

A Universidade da Coruña impulsa a creación dun viveiro de empresas do sector da hostalería na cafetaría do Campus de Ferrol logo de que o reitor, Xosé Luís Armesto, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinasen un convenio de colaboración ao efecto no pasado mes de marzo.

Logo dos trámites pertinentes para dar inicio ao convenio, a Universidade da Coruña vén de facer público o concurso de proxectos para o impulso ao emprendemento que ten como premio a concesión da cafetaría-comedor do Campus de Ferrol en Esteiro para a posta en marcha dunha idea empresarial deste sector. O proxecto premiado terá ademais asesoramento e seguimento do seu proceso empresarial. Poderán presentarse os estudantes dun ciclo formativo de FP ou titulados nos últimos catro anos que queiran poñer en marcha o seu propio proxecto empresarial baixo a forma legal dunha cooperativa, cun mínimo de tres persoas. O ámbito territorial deste concurso é Galicia, pero terán preferencia os proxectos presentados dentro das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. As solicitudes presentaranse en calquera dos rexistros da Universidade da Coruña ata o 22 de xuño deste ano.

O plan de negocio que se presente, redactado en galego, debe incluír o detalle suficiente para xustificar a súa viabilidade.

Un xurado presidido pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, e que estará formado por persoal da Universidade como da Consellería, será quen decida o proxecto gañador do premio que se entregará nun evento.

Tanto a Universidade da Coruña como a Consellería de Educación valoran esta novidosa iniciativa como “unha clara aposta polo emprendemento de cara á creación de emprego”. Máis información: http://bit.ly/1FPHXUZ

Fonte: udc.es