Oficina CEER
 28-05-2015
EXPERTOS SINALAN QUE OS RESULTADOS DO 24M CONFIRMAN UN CAMBIO DE CICLO POLÍTICO

Profesorado do Observatorio da Gobernanza G3 analizou o resultado das eleccións na Casa das Campás.

Apuntan á importancia dun novo electorado que se move por valores e non por ideoloxías.

A perda de votos dos dous grandes partidos, PP e PSOE, nas eleccións municipais e autonómicas deste domingo, sumados á irrupción de novos actores políticos, converteron o 24M nunha mostra dun “cambio de ciclo político” que está a rachar co modelo bipartidista. Cando menos iso é o que conclúen dos resultados destes comicios os profesores da Área de Ciencia Política e da Administración–Observatorio da Gobernanza G3 Álvaro López Mira, Enrique Varela e Constantino Cordal, que este mediodía debullaron os resultados das eleccións deste domingo na Casa das Campás. Nunha mesa de debate que levaba por título Da vella á nova política? puxeron sobre a mesa o “cambio de cultura política do electorado”, polo que unha parte dos votantes opera máis en base a valores a ideas transversais que con parámetros ideolóxicos.

“Estamos ante un cambio de ciclo político porque hai un cambio de necesidades, de axenda e de estilo”, apuntou Varela nunha mesa redonda que foi presentada polo vicereritor do campus, Juan Manuel Corbacho, que destacou o valor de iniciativas como esta á hora de achegar o labor que se fai no campus á cidadanía, e moderada polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Celso Cancela. Unha mesa na que Varela puxo o acento en que a ideoloxía era un elemento “fundamental dos vellos partidos políticos, mentres que os novos, que poden estar se acaso articulando unha ideoloxía futura, móvense por elementos transversais en torno a valores e a ideas”. Na mesma liña, López Mira apuntou tamén que o balance destas eleccións é “un cambio evidente do modelo bipartidista”, dada a entrada de novos actores como Podemos ou Ciudadanos, no caso das autonómicas, ou das “mareas” nas municipais. “Asistimos a un cambio de ciclo que se vai confirmar nas eleccións xerais de novembro e nas subseguintes eleccións autonómicas galegas”, augurou este profesor do grao en Dirección e Xestión Pública.

Novos actores nun contexto de crise
Para Enrique Varela, esta fragmentación do voto forma parte dun proceso que xa se viu reflectido nas autonómicas andaluzas e nas eleccións europeas, polo que se “confirma a tendencia de que os dous grandes partidos van caendo en votos”, que ve resultado dunha “crise sociopolítica”. Neste senso, este profesor aludiu aos “valores e ideas” que introducen na axenda política partidos que “non son novos pola mocidade ou porque acaben de chegar, senón porque achegan un discurso diferente co que, obviamente, están a capturar unha parte desa perda de votos” de PP e PSOE. A este respecto, Varela aludiu a Podemos, “un partido que interpreta moi ben a crise porque xurdiu dela”, e a Ciudadanos, formación que “xa existía antes pero que soubo adaptarse e introducir na súa axenda un discurso anticrise”.

Unha nova xeración de votantes
Nese contexto de cambio, López Mira centrou a súa intervención nos electores e electoras, para falar da “nova cultura política” duns votantes “que xa non están sometidos aos vellos esquemas ideolóxicos do neoconservadurismo ou da socialdemocracia, senón que está máis libre de ataduras”, como, ao seu xuízo, veñen de demostrar en Galicia os resultados de formacións como a Marea Atlántica ou Compostela Aberta. Neste senso, López Mira aludiu aos 12 millóns de votantes que actualmente teñen entre 18 e 41 anos, un 35% do electorado total, e que van a ser “protagonistas dun cambio”, por seren un electorado “que non viviu a transición como protagonista e que se está a amosar menos disposto a perdoar os erros dos seus representantes, polo que é polo tanto máis facilmente mudable e volátil”.

Voto urbano e rural
Non obstante, López Mira tamén incidiu en que este novo electorado convive con outra serie de votantes que si se amosan dispostos a “indultar aos seus dirixentes fagan o que fagan” e que supoñen unha “fisura clarísima entre o vello e o novo electorado”. Neste senso, aludiu ás diferencias existentes entre o voto urbano e o voto rural, nas que incidiu Constantino Cordal. Este profesor do grao en Dirección e Xestión Pública puxo o acento na diferencia xeracional existente entre a Galicia urbana e a rural, onde “hai moitas vilas nas que, desde as últimas municipais, a media de idade incrementouse en cinco anos”, o que ao seu xuízo “facilita un voto moito máis conservador”. Para exemplificar esta diferencia, Cordal aludiu aos resultados acadados polo PP na autonomía, onde a pesares de ser a forza máis votada, “só puido conservar a maioría absoluta en tres vilas de máis de 20.00 habitantes”, como son Arteixo, A Estrada e Marín.

Por outra banda, Cordal tamén puxo o foco en que no rural “vese con máis claridade que segue a funcionar máis o tema do carrexo de votos”, situación á que, apuntou, podería poñerse solución coa implantación do voto electrónico, o que a súa vez, permitiría tamén evitar “o esaxerado gasto de papel” que provocan unhas eleccións. Nese senso, salientou que “o voto electrónico é algo que leva implantado moitos anos noutros países e que en España estase a adiar demasiado no tempo”.

Fonte: duvi.uvigo.es