Oficina CEER
 29-05-2015
A USC REÚNE EN BIOLOXÍA OS MAIORES EXPERTOS DO MUNDO NUNHA NOVA ESTRATEXIA DE LOITA ANTIMICROBIANA

A interceptación dos mecanismos de comunicación que desenvolveron as bacterias para atacar de forma coordinada é unha das estratexias máis prometedoras.

Debido ao incremento alarmante da resistencia a antibióticos de numerosas bacterias patóxenas, a comunidade científica está centrando os seus esforzos na busca de estratexias alternativas a estes para o tratamento das enfermidades infecciosas bacterianas. Neste campo, a interceptación dos mecanismos de comunicación que desenvolveron as bacterias para atacar de forma coordinada, coñecidos como Quorum sensing ou detección de quorum, é unha das estratexias máis prometedoras e que a vindeira semana será obxecto dun congreso que reunirá en Bioloxía os maiores expertos no eido mundial nesta nova estratexia de loita antimicrobiana.

O I International Symposium on Quorum Sensing Inhibition (ISQSI) contará coa participación de investigadores punteiros no desenvolvemento destes novos mecanismos antipatoxénicos como o profesor da Universidade de Nottihgham Paul Williams, especialista en Pseudomonas aeruginosa, e M. Federle, da Universidade de Illinois, experto en antipatoxénese en Streptococcus e Staphylococcus.

Debido a que ademais de estaren relacionados coas infeccións bacterianas, os procesos de comunicación bacteriana interveñen noutros aspectos importantes como a formación de biopelículas ou a bioincrustación mariña (biofouling), que provoca importantes problemas nos sectores do transporte marítimo e a acuicultura, o venres 5 terá lugar unha reunión satélite sobre novas estratexias antifouling. Nesta sesión participarán importantes investigadores de prestixio internacional como os profesores Grant Burguess, da Universidade de Newcastle, ou Clalire Hellio, da de Brest, representantes de catro proxectos europeos, e coa directora da Unidade de Biocidas da Axencia Europea de Substancias Químicas (ECHA), Pilar Rodriguez, que ademais foi alumna da USC.

Fonte: xornal.usc.es