Oficina CEER
 21-07-2015
INVESTIGADORES DO INIBIC INDAGAN NA RELACIÓN DA LINGUAXE CELULAR E O CANCRO

O grupo de investigación en Comunicación e Sinalización Celular, CellCOM, formado por investigadores da Universidade da Coruña e do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, pertencente ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, INIBIC, está a traballar sobre os mecanismos de comunicación celular e a súa implicación no desenvolvemento de enfermidades como a psoriase, melanoma e cancro de mama, para poder prevelas e desenvolver tratamentos eficaces.

O grupo de investigadores, dirixido pola doutora María Mayán Santos, espera que os resultados obtidos poidan servir para personalizar os tratamentos e mellorar as técnicas de diagnóstico e prognóstico destas enfermidades. Os beneficiarios futuros desta investigación son os pacientes que padecen artrose, psoriase, melanoma, cacinoma basocelular e cancro de mama. Os resultados obtidos no proxecto suporían unha mellora na calidade de vida e un aforro de gasto sanitario para o tratamento destes pacientes que, a día de hoxe, non contan cun tratamento eficaz para ningunha destas enfermidades.

CellCOM é un grupo de investigación de referencia internacional no estudo das conexinas. O descubrimento e estudo destas proteínas é un campo de investigación moi especializado e recente; de feito, existen poucos equipos a nivel nacional e internacional concentrados neste campo. Este proxecto englóbase dentro da plataforma Precipita, pertencente á Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, FECyT, do Ministerio de Economía e Competitividade. Esta plataforma promove a participación e implicación da sociedade en distintos proxectos científicos a través de pequenas doazóns económicas. De momento e cun prazo límite de recollida de doazóns que remata en 18 días, as aportacións a este proxecto suman 10.800 euros. Máis información e aporte de doazóns a partir de 25 euros en: http://bit.ly/1RvDF8j

Fonte: www.udc.es