Oficina CEER
 23-07-2015
UNHA NOVA XERACIÓN GALEGA DE INVESTIGADORES EN NEUROCIENCIA PRESENTAN AS SÚAS CREDENCIAIS

Nunha xornada na que participan 80 científicos das tres universidades galegas.

Deron a coñecer 44 traballos desenvolvidos no mestrado interuniversitario desta disciplina.

“Non perdades a ilusión pola investigación”. Ese foi o consello máis escoitado nas XI Xornadas para Xóvenes Investigadores en Neurociencia que se celebran este mércores no campus de Vigo, nas que unha nova xeración de científicos presentaron os traballos cos que poñen fin ao curso do Máster Interuniversitario de Neurociencia. O reitor, Salustiano Mato; o decano da Facultade de Bioloxía, Jesús Míguez; o coordinador do Máster en Neurociencia, Miguel Ángel Rodríguez e o profesor e presidente do comité organizador, Manuel Ángel Pombal, foron os encargados de darlles a benvida aos 80 participantes na xornada e, sobre todo, de animalos a continuar na carreira científica, “a pesar da situación de abandono na que está a investigación”, denunciaba o reitor.

Estas xornadas teñen lugar por cuarta vez en Vigo, tras anteriores edicións en 2006 e 2009 e 2012, xa que se alterna o lugar de celebración entre as tres universidades galegas parceiras do mestrado interuniversitario. O reitor destacou que este tipo de títulos compartidos “son un exemplo de colaboración entre o Sistema Universitario de Galicia”, e celebrou que cada vez sexan máis habituais, con máis institucións involucradas e en máis eidos do coñecemento. Considera que este é un modelo xa “consolidado e unha mostra de cooperación intelixente”, polo que felicitou a todos os docentes das tres universidades implicados no mestrado. Jesús Míguez, decano da Facultade de Bioloxía, salientou que estas xornadas “son unha oportunidade importante para a formación pero tamén no aspecto científico” e destacou a continuidade que teñen no tempo, con once edicións, “o que é moi satisfactorio e meritorio”. Dirixiuse aos estudantes para animalos “a mergullarse nas augas da ciencia, sobre todo nun campo como a neurociencia, no estudo do sistema nervioso, moi complexo, do que só coñecemos unha pequena parte”. Miguel Ángel Rodríguez, coordinador do mestrado, considerando que para moitos dos participantes na xornada “esta é o primeiro contacto cun evento deste tipo”, aconselloulles tranquilidade ante a presentación dos traballos e tamén quixo agradecer a implicación do profesorado das tres universidades tanto no mestrado e no programa de doutoramento, como na organización da xornada.

Defensa da carreira investigadora
Na benvida aos asistentes, Salustiano Mato destacou que “este ambiente científico é o que nos anima a seguir pelexando por resolver as necesidades de todos” e animou "aos que agora acabades a formación de mestrado a mergullarvos na carreira investigadora a pesar da situación complexa que as universidades estamos a vivir, dos recortes e da taxa de reposición que complica a consolidación da carreira investigadora dos novos científicos”. Sobre o “abandono total” que sofre o eido da investigación, Mato lembrou que a conxuntura económica non pode ser unha desculpa” e puxo como exemplo países como Alemaña, “que duplica a súa aposta pola I+D en plena crise”.

O reitor resaltou os esforzos que dende as universidades se están facer para buscar solucións de continuidade para os novos investigadores e lembrou a aprobación en Consello de Goberno hai un mes do Programa de retención de talento investigador que permite a investigadores e investigadoras dos programas Ramón y Cajal ou Isidro Parga Pondal “ter unha seguridade xurídica e laboral”. Explicou que dende a Universidade seguiranse a buscar “solucións transitorias mentres seguimos pelexando e sendo belixerantes” fronte a unha taxa de reposición que considera debe ser eliminada para que as universidades poidan contratar para “facer fronte ás súas necesidades” sempre que o Ministerio de Facenda constate que “somos solventes”. Con todo, Mato animou aos científicos e científicas a “non perder a ilusión” pola investigación e a seguir buscando oportunidades a pesar da situación actual na que está a I+D.

Un escaparate para as novas xeracións de científicos O obxectivo destas xornadas é “fomentar e dinamizar a presentación e discusión de traballos científicos entre mozos investigadores no ámbito da Neurociencia”, explica o profesor Pombal. Neste contexto, preténdese crear o “marco idóneo” no que as persoas que se incorporan á actividade investigadora a través do Máster Universitario en Neurociencia “poidan discutir con profesores e investigadores sénior os seus proxectos e os resultados dos seus traballos de investigación”.

O profesor do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde explica que nesta xornada participan 80 persoas, incluíndo aos novos titulados que presentan os seus traballos fin de mestrado e outros investigadores que tamén amosan as súas achegas científicas neste simposio . Os novos investigadores e investigadoras presentarán 25 traballos divididos en oito sesións temáticas que se corresponden con: neurobioloxía médica, psiquiatría, fisioloxía e neuroquímica, neuroanatomía, psicobioloxía e neurociencia computacional, psicobioloxía, neurofisioloxía e neuroloxía. Paralelamente, en sesións de póster presentaranse outros 19 traballos. Pombal lembrou tamén que o mestrado vén de acadar a renovación da acreditación do título, proceso no que o comité avaliador considerou moi positivamente a organización destas xornadas. O docente destacou tamén o bo momento da neurociencia en Galicia “a pesar dos malos momentos” e puntualizou que hoxe, en concreto, é un “día excelente para a neurociencia”.

As xornadas arrancaron, tras o acto de apertura, coa conferencia inaugural titulada Modulación de las respuestas motoras del techo óptico mediante proyecciones dopaminérgicas desde la substancia negra pars compacta, que foi impartida por Juan Pérez Fernández, do Nobel Institute for Neurophysiology, Karolinska Institutet, en Estocolmo. O investigador, egresado da Universidade de Vigo, leva dous anos traballando en Suecia e vén de renovar por un ano máis o seu contrato. “Para min”, explicou, “isto é volver a casa e tras dous anos fóra agora xa podo presentar os resultados dos proxectos desenvolvidos neste tempo”. A súa experiencia serve tamén como exemplo para os asistentes á xornada, “do que podería ser unha das vosas opcións de futuro”, como lles explicou Pombal. Tras as presentacións dos traballos, a xornada concluirá pola tarde cun debate sobre a evolución do curso académico a piques de rematar.

Fonte: duvi.uvigo.es