Oficina CEER
 30-07-2015
NACE A CÁTEDRA INTERNACIONAL RSC SANTANDER GALICIA-NORTE PORTUGAL

A Universidade do Minho acolleu hoxe o acto de creación da Cátedra Internacional RSC Santander Galicia-Norte Portugal, unha iniciativa conxunta do Banco Santander, a través de Santander Universidades, e a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (fCEER), formada polas 3 universidades galegas (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo) e as 3 do Norte de Portugal (Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro).

O obxectivo da cátedra é o desenvolvemento de actividades docentes, investigadoras, formativas e de documentación no ámbito da Responsabilidade Social Corporativa (RSC). No acto participaron o reitor da Universidade do Minho, Antonio M. Cunha, en calidade de presidente de fCEER; o conselleiro de Banco Santander Totta con Santander Universidades, Luís Bento dos Santos; o director do fCEER, Rubén Lois e o director de Santander Universidades España, Pedro Alonso, así como reitores e representantes do resto de universidades que conforman a Fundación, directivos do banco e autoridades da Xunta de Galicia e da Administración pública portuguesa (CCDR-N).

Esta cátedra, que ten coma eixos principais a empresa, a internacionalización e a rendibilidade da RSC, impulsará o intercambio académico internacional que facilitará a profesores e investigadores de prestixio internacional impartir cursos, conferencias e o desenvolvemento de investigacións conxuntas. Establecerase un marco de cooperación académica, científica e, investigadora que se configurará como un proxecto aberto a institucións educativas e culturais interesadas na RSC, no seu estudo e desenvolvemento. Entre as súas liñas de actuación destaca ademais a implementación de estudos de posgrao conxuntos, o fomento de estudos de terceiro ciclo, publicacións e a organización dun foro internacional anual, entre outras iniciativas. Banco Santander, a través de Santander Universidades, colabora desde fai 18 anos con 1.200 universidades e institucións académicas de todo o mundo, das que 46 son portuguesas. Este ano, Santander Totta investirá 6,5 millóns de euros en universidades lusas para o desenvolvemento de programas de mobilidade internacional, bolsas, premios…

Até 2018, o banco destinará un total de 1.700 millóns de euros en apoio a proxectos de educación superior en todo o mundo.

Máis información en www.santander.com/universidades