Oficina CEER
 01-09-2015
A INVESTIGADORA DA UDC VANESSA VALDIGLESIAS, PREMIO EUROPEO

A científica Vanessa Valdiglesias García, doutora en Bioloxía e investigadora da Universidade da Coruña, obtivo o premio que concede anualmente a Sociedade Europea de Xenómica e Mutaxénese Ambiental ao investigador europeo menor de 35 anos coa mellor traxectoria científica. A presidenta da Sociedade, Lisbeth Knudsen, entregoulle o galardón no transcurso do congreso internacional que esta entidade organizou en Praga, República Checa, a pasada semana, e no que a investigadora impartiu unha conferencia. Vanessa Valdiglesias é licenciada en Bioloxía pola UDC e Mestrado en Biotecnoloxía pola Universidad de Granada. Comezou a súa carreira investigadora na UDC no ano 2005 e o traballo que realizou para a súa tese de licenciatura xa obtivo o premio para a promoción de novos investigadores da Real Academia Galega de Ciencias. Doutorouse no ano 2010 con Sobresaínte cum laude e Premio Extraordinario de Doutoramento.

Desde entón, continuou a súa consolidación como científica de valía internacional realizando estadías durante máis de tres anos en laboratorios de Reino Unido, Italia, Portugal, India e Chile. Mantén ademais intensas relacións con grupos de investigación de moi diversos países, cos que leva a cabo proxectos e publicacións en común, e participa en varias accións europeas de cooperación científica. Ademais, parte do traballo de investigación desenvolto na súa etapa de postdoutoramento foi, así mesmo, galardoado co Premio Dolores Trigo en 2013.

O grupo de investigación da UDC en que esta investigadora se integra obtivo numerosos premios de investigación, sendo o máis recente o outorgado o pasado ano pola Fundación Agrupació para o estudo da fraxilidade en persoas maiores. Ademais, realizaron un completo estudo de repercusión mundial sobre os efectos para saúde asociados á exposición ao fuel do Prestige e foron por iso reclamados como asesores científicos no Instituto Nacional de Medicina estadounidense con motivo da explosión da plataforma petrolífera Deepwater Horizon no golfo de México en 2010.

Fonte: www.udc.es