Oficina CEER
 02-09-2015
IV CONGRESO INTERNACIONAL. A FENDA DIXITAL: TIC, NEAE, INCLUSIÓN E EQUIDADE

Próximamente, presentaremos o IV Congreso Internacional: A Fenda dixital.

A través do IV Congreso a Fenda Dixital, preténdese crear un espazo de encontro internacional co fin de xerar debate sobre o estado actual das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nos diferentes contextos educativos. Especificamente o obxectivo principal do Congreso é analizar as posibilidades que as TIC poden ofrecer para contribuír ao desenvolvemento de procesos de inclusión educativa, á abordaxe das necesidades educativas especiais e a facilitar ou promover a igualdade.
O Congreso da Fenda Digital constitúe tamén un contexto de intercambio sobre experiencias no terreno e de proxectos de investigación innovadores, favorece o feed-back e a reflexión entre docentes, educadores-as sociais, pedagogos-as, asistentes sociais, psicólogos-as, e outros-as participantes, coa finalidade de analizar criticamente o papel que as TIC teñen desempeñado no ámbito académico e nos contextos sociocomunitarios. Así mesmo, préstase unha atención especial neste Congreso a coñecer aquelas experiencias nas que as TIC están a desenvolver un papel fundamental na integración da diversidade de colectivos sociais.

OBXECTIVOS
● Reflexionar sobre as actividades implementadas coas TIC nos diversos contextos socioeducativos actuais.
● Crear un espazo de intercambio de experiencias entre diferentes profesionais debatendo sobre a relevancia das TIC para a atención á diversidade nos Centros Educativos, Escolares, Rurais Agrupados, Integrados e nas Escolas Universitarias entre outros.
● Analizar a incorporación das TIC á diversidade de centros educativos existentes no ámbito rural e urbano.
● Debater, dende o punto de vista didáctico e curricular, sobre os principais retos educativos que as TIC terán que afrontar nos próximos anos.
● Analizar a forma na que as TIC poden contribuír para fomentar a igualdade ou desigualdade nos Centros Educativos e na contorna.
● Identificar os problemas que profesionais da educación veñen formulando na introdución das TIC no contexto educativo e comunitario.
● Favorecer un encontro entre diferentes Institucións (Centros de Formación, COncellos, Escolas, Universidades, entre outros), procurando, en conxunto, formular propostas de mellora en torno ás necesidades educativas, inclusión e igualdade.
● Reflexionar sobre a utilización das TIC e outros recursos, identificando as súas principais fortalezas e debilidades.
● Crear un espazo de intercambio de investigacións sobre as TIC e súa contribución a favorecer a labor socioeducativa na abordaxe das NEAE, a inclusión e a igualdade de xénero.

Máis información: santiagotec@fceer.org