Oficina CEER
 04-09-2015
O ESPAZO DE FOTOGRAFÍA DA USC COMEZA A SÚA PROGRAMACIÓN DE CURSOS E MONOGRÁFICOS

O Espazo de Fotografía da USC abrirá o próximo martes 8 de setembro a inscrición paras as prazas dos seus cursos e monográficos sobre a fotografía como técnica e manifestación artística. En quendas de mañá e tarde nalgúns dos cursos propostos, as sesións celebraranse na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. O alumnado de grao que se matricule nalgunha das xornadas propostas e asista ao 80% das horas lectivas poderá recibir un crédito ECTS por cada 25 horas cursadas.

Entre os meses de setembro e maio e en quenda de tarde (de 19.00 a 21.00 horas), todos os meses están programados cursos que arrancarán cun achegamento á historia da fotografía para de inmediato continuar tratando as técnicas básicas e control da cámara, técnica avanzada e autores relevantes, o procesado dixital, o proxecto fotográfico, conceptos visuais e composición ou os procesos creativos en fotografía. Tamén están previstos monográficos sobre iluminación, tanto natura como flash; street photography; ou un curso sobre tendencias e escolas contemporáneas de fotografía e particularmente a concepción da fotografía como arte, con especial atención á crítica, teóricos da imaxe, edición e soportes.

En quenda de mañá, de 10.00 a 12.00 horas, celebraranse o monográfico de procesado dixital e os cursos de técnica básica e control da cámara, técnica avanzada e autores relevantes e conceptos visuais e composición. Para acadar máis información sobre esta programación, as persoas interesadas poden dirixirse á Área de Cultura da USC, no edificio da Reitoría (Colexio de San Xerome), ou nos teléfonos 881.811.018 e 881.811.103.

Fonte: xornal.usc.es