Oficina CEER
 08-09-2015
PROPOSTAS INNOVADORAS PARA UNHA EDUCACIÓN MÁIS ALÓ DO CURRÍCULO OFICIAL

O Pazo da Cultura acolleu a apertura dun curso de extensión universitaria sobre novos métodos educativos.

O obxectivo da actividade é debater sobre como mellorar a aprendizaxe na etapa de 0 a 6 anos.

“Repensar a idea da pedagoxía desde un punto de vista innovador” e pór sobre a mesa modelos e metodoloxías que permitan “ir máis aló do currículo oficial, da escola tal e como está concibida” é o propósito central do curso de extensión universitaria Propostas pedagóxicas innovadoras. Ensinar e aprender hoxe, que este venres se inaugurou no Pazo da Cultura. Máis de 50 persoas participan nesta actividade dirixida polo profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Jorge Soto e coordinada polos responsables do proxecto Imagine Elephants, Elena Cruces e Julián Maguna, que tenta achegar a estudantes e profesionais do ensino a un intercambio de experiencias “sobre como se pode levar a cabo unha pedagoxía innovadora, que cubra aspectos que hoxe non forman parte do currículo escolar”, como sinalou o seu director.

Aspectos como o fomento da creatividade e o desenvolvemento da intelixencia emocional, que na apertura dunha actividade que forma parte da programación de cursos de verán da Vicerreitoría do campus puxo de relevo o seu director, que incidiu en que “a educación é un proceso que comeza cando un nace e remata cando un morre”. Por ese motivo, salientou a importancia de innovacións educativas que axuden a fomentar desde idades temperás a creatividade dos nenos e nenas, xa que é “fundamental para o desenvolvemento das persoas”, así como traballar aspectos relativos á intelixencia emocional.

O vicerreitor Juan Manuel Corbacho, a concelleira de Educación, Carme Fouces, e o responsable da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, acompañaron aos responsables do curso na apertura dunha actividade centrada nun ámbito, a educación, que “é a fonte do crecemento e desenvolvemento dunha sociedade”, como salientou Corbacho, que incidiu en que a importancia da temática viuse referendada polo interese que suscitou o curso, que obrigou a aumentar o número de prazas, inicialmente fixado en 40.

O 80% do que aprendemos, facémolo antes dos 5 anos Expertos como o cofundador de Diyara Expresión José Miguel Castro, o director do Centro Montessori Canela, Marco Zagal, ou os creadores do colectivo Wayra de Salamanca, Pablo López e Miguel Flores, participarán nas próximas sesións dun curso que centrará boa parte da súa análise na educación infantil. Non en van, “diferentes investigacións aluden a que o 80% das aprendizaxes se producen antes dos 5 anos”, como apuntou Soto, para quen é “unha etapa cunha importancia básica para o desenvolvemento dos nenos” e que, ao seu xuízo, precisa de cambios e innovacións en cuestións relacionadas “non só cos aspectos cognitivos, senón tamén naqueles que teñen que ver co manexo das emocións ou coa creatividade, que para min son fundamentais”.

De aí que este docente incida na necesidade de deixar atrás termos como “gardería” e abordar as innovacións que se están a producir neste primeiro ciclo educativo, por exemplo, nas máis de 450 propostas de “escolas alternativas” que existen actualmente en España. Nese senso, Soto explicou que en Propostas educativas innovadoras porase o acento na aprendizaxe a través do xogo espontáneo, na educación emocional, na socialización ou no manexo dos tempos no ensino. “A primeira aprendizaxe adoita ser lenta e é a escola debe poñerse nos tempos dos nenos, non os nenos nos da escola”, engadiu este docente, que aludiu tamén á importancia de outorgar “un maior peso ás familias na educación dos seu fillos".

O xogo como base da aprendizaxe A egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Elena Cruces e o estudante de Comunicación Audiovisual Julián Maguna, responsables do proxecto Imagine Elephants, que indaga na importancia do xogo espontáneo no desenvolvemento das persoas, son os responsables de conducir a primeira sesión dun curso que continuará desenvolvéndose, nas xornadas de venres e sábado, ata o día 26. “Para nós o xogo é a actividade mediante a que aprendes todo, é explorar, investigar, facer as cousas que che saen de dentro”, salientou Cruces da temática que centrará un taller “moi vivencial”, que se estende ao longo desta primeira xornada.

En primeiro termo, Cruces e Maguna presentaron aos alumnos e alumnas o web-doc Imagine Elephants, no que reúnen a opinión de máis de 20 expertos e expertas, entre os que se atopan os relatores das próximas sesións do curso, para logo formular aos asistentes a proposta “dun traballo máis práctico, de investigación colectiva sobre os factores relacionados co xogo que esperten o seu interese”. Nese senso, Maguna incide que o propósito desta primeira xornada, “é investigar como facer propostas para o cambio, non só no sistema educativo, senón tamén na familia, nas cidades ou nos parques”, de tal xeito que se poida fomentar unha actividade que parte da experimentación e que se ve cortada “pola intervención dos adultos, sexan pais ou mestres, que son os que, nun determinado momento, deciden dirixir ese xogo espontáneo”.

Fonte: duvi.uvigo.es