Oficina CEER
 09-09-2015
O PROXECTO FLY AWAY, SELECCIONADO NA UDC PARA COÑECER SILICON VALLEY

O proxecto “Fly Away” presentado por Abrahan Dopazo e Alfonso Varela na Universidade da Coruña resultou gañador no concurso de emprendemento do Programa YUZZ que ten como premio a visita a Silicon Valley, a meca da innovación mundial, de Abrahan Dopazo, xa que só poderá ir unha persoa en representación do equipo gañador. O Programa YUZZ ten como obxectivo promover o emprendemento no contorno tecnolóxico de persoas menores de trinta anos. A Universidade da Coruña colabora na organización do Programa YUZZ, sendo un dos centros YUZZ, nunha iniciativa que conta co patrocinio de Banco Santander, a través de Santander Universidades, e a colaboración da Red Emprendia e a Xunta de Galicia. No centro da UDC presentáronse máis de oitenta mozos e mozas cun total de cincuenta proxectos empresariais.

O proxecto seleccionado, Fly Away, é un xogo para smartphones centrado no usuario que desenvolven Dopazo e Varela dentro do seu estudio Cogomelo Games (http://cogomelogames.com/ https://twitter.com/cogomelogames https://www.facebook.com/cogomelogames), xunto co deseñador Diego Cambre.

Abrahan Dopazo, xunto con outras 42 novas promesas do contorno tecnolóxico de España, visitarán Silicon Valley para coñecer de preto o maior ecosistema de emprendemento e innovación do mundo. Visitarán empresas de grande relevancia internacional como Google, LinkedIN, Facebook ou Hewlett Packard e asistirá a conferencias en universidades prestixiosas como Berkeley ou Standford. Ademais poderán coñecer o Spain Tech Center –impulsado por Banco Santander, ICEX e Red.es- que ten como meta facilitar a implantación de PEMES de base tecnolóxica española neste lugar. O 6 de novembro, en Ciudad Grupo Santander, os 42 mozos e mozas seleccionados presentarán as súas ideas ante un xurado integrado por representantes de Banco Santander, CISE e entidades colaboradoras do Programa YUZZ. Os tres mellores emprendedores recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para que poidan acelerar os seus proxectos.

Sobre YUZZ
O proxecto YUZZ arrancou en 2009 con dous centros, un en Barcelona e outro en Madrid, como un viveiro tecnolóxico de grandes ideas. Desde entón creceu de forma exponencial e nesta nova edición, que dirixe CISE co patrocinio de Santander Universidades, acadou os 41 centros YUZZ repartidos por toda España coa participación de preto de 900 novos emprendedores.
Durante os cinco meses de duración recibirán para desenvolver as súas ideas: unha rede de máis de 200 expertos profesionais, formación empresarial, asesorías, titorías personalizadas e unha plataforma de traballo colaborativo en liña.
YUZZ conta ademais coa colaboración de máis de 60 entidades locais e co apoio doutras entidades e organizacións a nivel nacional como Indra, Secot, a Fundación Princesa de Girona, a Fundación INCYDE, INTEL, Red Emprendia e Tuenti, que fan posible que o programa se desenvolva en 41 cidades con centros de formación propios en cada localidade. Máis información: www.yuzz.org

Sobre CISE
CISE é un centro que fomenta o espírito emprendedor e impulsa a xeración de startups. A través de innovadores programas formativos e de apoio ao emprendemento que incorporan metodoloxías áxiles e experiencias reais, CISE estimula a creatividade das persoas e promove a innovación, coa fin de contribuír ao progreso social e económico. O Centro nace do acordo da Universidad de Cantabria, o Goberno de Cantabria e Banco Santander a través de Santander Universidades, tres institucións relevantes que comparten un forte compromiso polo desenvolvemento da sociedade baseado no coñecemento e potenciado por capacidades creativas e emprendedoras.

Máis información: www.cise.es

Sobre Santander Universidades
Banco Santander promove esta iniciativa a través de Santander Universidades. Colabora desde hai 18 anos con 1.200 universidades e institucións académicas de todo o mundo cunha iniciativa única no mundo, que o distingue do resto de bancos e institucións financeiras. Ata 2018 terá destinado un total de 1.700 millóns de euros en apoio a proxectos de educación superior.

Máis información en www.santander.com/universidades

Fonte: udc.es