Oficina CEER
 28-03-2008
Unha trintena de espectáculos conforman o cartel da MITEU máis musical da historia

Actores e compañías de nove países serán os protagonistas dos 32 espectáculos que, enmarcados na XIII Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, encherán cada recuncho da cidade entre os días 11 e 29 de abril. A presentación da edición máis ambiciosa da MITEU celebrouse no Día Mundial do Teatro e a ela asistiron representantes de todas as institucións colaboradoras entre os que destacaron Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, Alexandre Sánchez, tenente de alcalde do Concello, Xosé Carlos Sierra, delegado provincial da Consellería de Cultura e Deporte, Isabel Pérez, concelleira de Cultura, Ana Garrido, concelleira de Educación, Olga Mojón, directora do Teatro Principal e Fernando Dacosta e Elena Seijo, director e coordinadora da Mostra respectivamente.

Os organizadores desvelaron na presentación o nome dos países participantes nesta edición da MITEU e que serán España, Portugal, Arxentina, Bélxica, EEUU, República Dominicana, Bielorrusia, Ucraína e India, aínda que, Elena Seijo matizou que “non haberá grupos universitarios de todos eses países pero si representantes deles. Tentamos manter sempre o segredo de quen vén ata o último momento porque por cuestións burocráticas nunca o sabemos ata o final ”. As linguas nas que se desenvolverán as actuacións serán, segundo confirmou Fernando Dacosta, “o galego, o portugués, o valenciano e o francés”. O director da MITEU incidiu no caracter marcadamente internacional da mostra que "é ademais a máis musical da historia".

A conxunción do teatro contemporáneo con obras clásicas de Shakespeare ou Molière, a presencia de Leo Bassi coa súa polémica obra La Revelación, as músicas do mundo interpretadas polo grupo bieloruso Strainniki, a actuación do grupo de teatro do centro penitenciario Pereiro de Aguiar ou o roteiro O Volter polas rúas da cidade, serán algúns dos atractivos desta XIII edición da Mostra de Teatro. A representación internacional nesta edición da MITEU ven da man de Nanny Cogorno e Miss Vero da Arxentina; Teatro Rastilho,Citac, Gretua e Teatr´ubi de Portugal; Mauvaise Compaigne D´en Face de Bélxica e o Teatro Estudio Internacional de EE.UU.

Nesta edición, que contou cun orzamento de 90000 euros, medra ata os 32 o número de espectáculos que abarcarán, ademais do teatro, concertos, charlas e danza. Ademais tamén aumenta o número de espazos nos que se desenvolverá as actividades, ampliándose ao marxe do campus, o Teatro e o Auditorio, á libraría Torga, na que se impartirán charlas ou ao Café Auriense, que acollerá actuacións. Incluso o tradicional desfile pola rúa dos alumnos do primeiro nivel de teatro, Rosaura, será substituído pola súa aparición nos escaparates das tendas da rúa do Paseo.

Referente cultural galego
O vicerreitor do campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez, expresou a súa satisfacción ante o éxito dunha iniciativa “que naceu fai xa trece anos no noso campus, e que ano tras ano foi consolidándose ata se converter no certame teatral máis importante de toda a cidade e incluso un dos máis destacados de Galicia xa que agora mesmo, súmaselle ao teatro universitario, o profesional”. Recalcou que, polo tanto, “está destinado a toda a cidadanía e abarcará espazos coma o Teatro Principal, o Auditorio, o campus e as rúas” e engadiu que “abordar un proxecto desta magnitude non sería posible para a Universidade sen a colaboración das institucións, especialmente do Concello de Ourense e a Deputación, e sen o esforzo do grupo Sarabela, ao que pertence Fernando Dacosta” aos que agradeceu a súa participación.

Pola súa banda Alexandre Vidal destacou a importancia “deste tipo de iniciativas na configuración do tecido cultural da cidade, xa que a MITEU é, xunto co Festival Internacional de Cinema un dos elementos centrais das actividades culturais tanto no plano interno como na proxección cara o exterior” xa que, nas súas propias verbas “temos que aproveitar a aproveitando a presenza dos universitarios para poñer de relevancia Ourense, pois eles van ser os seus mellores propagandistas”.

Xosé Carlos Sierra comentou ao respecto que “cómpre destacar a fluidez na que se desenvolven as relacións coa Universidade pois ese é o xeito de que penetre na cidade e de que a cidade se identifique co seu campus”. Felicitou, por tanto, aos organizadores polo “éxito acadado de xeito acumulativo ao longo destes anos que conseguiu que a Mostra sexa unha proxección da realidade sociocultural de Ourense”.